Suspenden a folga de limpeza nos colexios de Ourense ao alcanzarse un acordo sobre os pagos

As traballadoras do servizo de limpeza dos colexios públicos de Ourense, acordaron, nunha reunión celebrada esta tarde, suspender a folga iniciada o pasado luns, tras aceptar o novo calendario de pagos proposto pola empresa para poder cobrar as nóminas.

En declaracións a Efe, o portavoz da CIG de Ourense, Anxo Pérez Carballo, informou que na asemblea 46 traballadoras votaron a favor da proposta que realizou onte á primeira hora da mañá Linorsa para frear a folga indefinida, cando se cumpren oito días de protestas.

Na proposta, a empresa establece o abono do "50% pendente" de pago, correspondente á nómina do mes de outubro "como moi tarde o día 1 de decembro" e o "50% do salario" correspondente ao mes de novembro dentro dos cinco primeiros días de decembro. Ademais, "a débeda contraída, é dicir, o 50% da nómina de novembro e o 70% da paga extraordinaria de Nadal, serían abonadas de forma rateada proporcionalmente xunto co pago das nóminas de xaneiro, febreiro e marzo de 2015".

O seguinte pago produciríase o 22 de decembro (un terzo da paga extraordinaria) e o 1 de xaneiro o persoal recibiría a nómina do mes de decembro.

Previamente a esta reunión, o alcalde de Ourense Agustín Fernández, instou hoxe á empresa a que "cumpra as súas obrigacións" e que os nenos reciban "a educación que se merecen" en condicións óptimas de saúde. Polo momento, o persoal decidiu suspender a folga á espera de que se cumpran os compromisos adquiridos por ambas as partes.

Comentarios