'Stop Desafiuzamentos' paraliza o desaloxo dun centro social da Coruña

Medio centenar de activistas da plataforma Stop Desafiuzamentos paralizaron hoxe o desaloxo dun "centro social okupado" no barrio coruñés de Palavea, onde acode xente diariamente para realizar diferentes actividades promovidas por este colectivo.

Ás 10:00 horas de hoxe os activistas iniciaron unha concentración ante o centro social, situado no número 31 da rúa Río Quintas, na Nacional-550 cerca do municipio de Culleredo, onde permaneceron ata pasadas as 14:00 horas con ampla presenza policial.

En torno ao mediodía, os integrantes de Stop Desafiuzamentos protagonizaron dous cortes de tráfico durante algo máis de media hora, polo que se mobilizaron ata sete unidades da Garda Civil de Tráfico e outro vehículo camuflado.

Tras provocar importantes retencións de tráfico, efectivos da Policía Local acudiron á zona, así como un helicóptero da Garda Civil, que a sobrevoou durante máis dunha hora.

Os activistas mantiveron así mesmo un breve enfrontamento dialéctico coas forzas de seguridade, pero seguidamente abandonaron a vía e retiráronse á beirarrúa, con consignas como "Nesta cidade non se desaloxa" e "Vivir é un dereito, ter casa tamén".

Todo este proceso produciuse coa presenza de dous furgóns de antidisturbios da Policía Nacional, que eran os destinados a realizar o desaloxo que finalmente non se produciu.

O procedemento xurdiu en agosto de 2011, cando a propietaria deste antigo internado infantil relixioso puxo unha denuncia no xulgado por ''usurpación de ben inmoble".

A partir de aí, o tribunal tratou de localizar as persoas que teñen que declarar como imputados, aínda que se solicitou como medida cautelar o desaloxo, pois a empresa que adquiriu os terreos a Novagalicia Banco pensa facer unha residencia de anciáns.

A orde daba de prazo ata hoxe ás 12:00 horas para o desaloxo voluntario, pois a partir de aí deixaba aberta a posibilidade de que a policía actuase para conseguilo, unha actuación que os activistas non esperan que se produza hoxe.

O portavoz de Stop Desafiuzamentos, Héctor Tejón, asegurou ante os medios de comunicación que é "o único centro social deste tipo que queda na Coruña" e por iso "é moi importante" que siga como espazo liberado, tanto para "dar aloxamento a persoas que o necesitan" de xeito puntual como para "facer palestras" ou outras actividades.

As escenas de maior tensión chegaron cando os axentes de tráfico pararon a unha condutora por tocar o claxon en apoio aos activistas e estes saltaron de forma inmediata á estrada para arroupala, aínda que finalmente marchou e un dos axentes permaneceu apuntando as matrículas de todos os que utilizaban sinais acústicos, que se enfrontan a sancións de ata oitenta euros.

Comentarios