Stop Desafiuzamentos confirma ante o xuíz os ''insultos'' de Servizos Sociais

Varios membros da plataforma Stop Desafiuzamentos explicaron hoxe ante o xuíz que o responsable de Servizos Sociais do Concello da Coruña, José Luis Quintela, proferiu insultos contra eles e tratou de xeito vexatorio a unha persoa desafiuzada cando foron falarlle do caso.

O portavoz de Stop Desafiuzamentos, Héctor Tejón, relatou a EFE que no xuízo oral celebrado hoxe, aprazado desde o pasado 26 de febreiro, confirmaron o que comentaran na súa demanda contra Quintela por inxurias "e vexacións".

A situación produciuse cando Elisabeth Sanlés, que ía ser desafiuzada, acudiu á sede de Servizos sociais con varios membros da plataforma aos que, presuntamente, Quintela chamou "fascistas" e "totalitaristas", ademais de "subnormal" e "bobo" nalgún caso.

Entón tamén revelou, segundo a denuncia, datos persoais desta muller, que finalmente foi desafiuzada, durante unha discusión airada e diante de terceiras persoas, algo no que tamén se ratificaron hoxe nun proceso que durou ao redor dunha hora.

Segundo indicou Tejón, o responsable de Servizos Sociais negou os feitos nunha acción que cualificou de "mentira" cando intentou "victimizarse", pois "realmente a vítima é a persoa á que desafiuzaron, que saíu cunha man diante e outra detrás".

Na plataforma cren que coa presunta revelación de datos confidenciais o edil podería estar a incorrer nunha infracción moi grave, algo que terá que valorar o xuíz agora que está visto para sentenza.

Durante o xuízo, ao redor dunha trintena de persoas arrouparon aos seus compañeiros desde fóra do edificio dos xulgados e denunciaron que Servizos Sociais non cumpre coas súas funcións, pois é Stop Desafiuzamentos a que axuda "ás persoas en risco de exclusión social", salientou.

Desde o Concello da Coruña eludiron valorar este asunto ante o que, cando se ía a celebrar o primeiro xuízo, Quintela explicou a Efe que entón sufría "unha trombosis venosa profunda, estaba con muletas" e aínda que practicamente non se podía mover, non deixou de ir "en ningún momento a traballar".

O seu departamento traballaba, segundo as súas declaracións, en tres frontes no caso de Sanlés, o de mediación familiar, o de intervención co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e o da paralización do desafiuzamento.

Aquel día "entrou un tropel de xente" na oficina onde traballa e unha persoa empezou a gritar "¿Que fixeches?, ¿que fixeches?", polo que Quintela tratou de "tranquilizala" e, ao acceder ao seu despacho, o numeroso grupo seguiuno e esa persoa insistiu: "¿Que fixeches, desgraciado? Anda, que un bo pufo deixarías en Intermón".

O responsable de Servizos Sociais, que dirixira durante catorce anos Intermón en Galicia, reaccionou de inmediato ante tal acusación e fixo saír a todos os que entraran no seu despacho.

"¡Fóra de aquí! ¡Fóra de aquí! Estes son métodos fascistas e totalitarios. Isto é unha vergoña. Vou chamar á policía", díxolles entón, e cando a propia Sanlés replicou que ela non sairía porque é unha persoa vulnerable, el contestoulle que "mellor non falar diso" porque "incluso" sabía que "parte dos datos que dera non son certos".

Comentarios