sábado. 26.09.2020 |
El tiempo
sábado. 26.09.2020
El tiempo

Spin 2016 conclúe cun chamamento aos mozos para "emprender sen medo"

Foto de familia con participantes en la feria de emprendimiento Spin 2016
Foto de familia con participantes en la feria de emprendimiento Spin 2016
A feira de emprendemento universitario reuniu a case 3.000 persoas e repartiu 100.000 euros en premios para materializar proxectos

O director xeral de RedEmprendia, Senén Barro, fixo un chamamento aos mozos a "emprender sen medo", no marco do evento Spin 2016, que se celebrou do 29 de setembro ao 1 de outubro en Santiago de Compostela, organizado por RedEmprendia, Santander Universidades, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia -que acolleu o encontro- e a Xunta de Galicia.

"A mensaxe que me gustaría transmitir aos mozos é que emprender é apaixonante; non só é crear unha empresa, tamén se pode formar parte dela, sexa pública ou unha universidade -asegurou Barro-. Hai que perder os medos pero ao mesmo tempo hai que formarse porque facer as cousas ben require unha formación, que non garante o éxito pero minimiza os riscos".

"Pero tamén quero transmitir unha mensaxe ao resto: emprender é apaixonante pero axudar a emprender non o é menos, un pode atopar a ocasión axudando a outros a emprender", engadiu.

Sobre o encontro que reuniu esta semana en Santiago de Compostela a case 3.000 participantes de España, América Latina e Portugal, con personalidades procedentes do mundo da ciencia, a cultura ou a educación, asegurou que "está a ser magnífico". "Traballamos para que este Spin fose o mellor e así o seguiremos facendo pero é que o conseguimos", aseverou.

Ademais, sinalou que, no caso dos proxectos emprendedores creados polos mozos, "nunca houbo tan alto nivel". "Os 30 modelos de negocio que seleccionamos e as 15 empresas seleccionadas son de lonxe e de media o mellor que tivemos en todas as edicións de Spin", afirmou.

Barro tamén destacou que, "se se atenden aos contidos, mesas de diálogo, seminarios ou relatorios, de lonxe tamén foi o mellor Spin. E se atendemos ás expectativas xeradas e ao nivel de inscricións, tamén".

Así, entre os relatores deste ano, asistiron figuras da talla do compositor arxentino Gustavo Santaolalla, gañador de dous Oscar á mellor banda sonora por Brokeback Mountain e Babel e 17 Premios Grammy; a escritora brasileira Nélida Piñón, Premio Príncipe de Asturias das Letras; o guionista e director de cine José Luis Cuerda; o ex seleccionador de fútbol Vicente del Bosque; a Nomeada ao Premio Nobel da Paz e directora do Instituto Afgán da Aprendizaxe, Sakena Yacoobi; ou o paleontólogo e investigador español Juan Luis Arsuaga, director das escavacións en Sierra de Atapuerca, entre outros.

Xunto a eles, compartiron escenario novos promesas do mundo do deporte, a cultura e o emprendemento, como as dez veces campioa do mundo de kitesurf Gisela Pulido; o director colombiano Simón Mesa, premiado o ano 2014 en Cannes pola súa curtametraxe Leidi; a parella de emprendedores arxentinos Mariquel Waingarten e Gaston Frydlewski, creadores de Hickies, un revolucionario produto que aspira a eliminar os cordóns o mundo do calzado.

"Estamos moi contentos porque creo que imos impactar de forma obxectiva e indirecta sobre polo menos case 200 proxectos en distintos estadios. Uns irán madurándose, outros son modelos de negocio aos que lles fai falta ese pequeno empuxón para crear empresas e chegar ao mercado e outros son empresas ás que o empuxón que lles fai falta é sobre todo ter investidores que lles permita crecer máis rápido", destacou Barro.

PROXECTOS CON COMPOÑENTE SOCIAL. En canto aos proxectos presentados nesta edición de Spin, recordou que non se traballa "en vertical senón que se atende á calidade, non ao sector dun mercado". "Pero si hai ámbitos que se desenvolven máis como as tecnoloxías aplicadas ao sector financeiro e tamén houbo un aumento no número dos proxectos con compoñente social", precisou.

Neste sentido, indicou que "os emprendedores pensan non só en facer diñeiro, que é lexítimo, senón que tamén pensan en como o seu produto pode non ser só rendible para eles senón útil para o conxunto da sociedade e co mínimo impacto ambiental. Os proxectos buscan ser máis sostibles, mellores sen paliativos para a sociedade e tamén buscan que a sociedade lles compre".

Spin2016, a cita de referencia co emprendemento universitario que este ano tivo como lema Creando Cultura Emprendedora, conta ademais co patrocinio da Deputación da Coruña, Estrela Galicia, Fundación EY, Indra, Gas Natural Fenosa, Google, Paypal, Tecnocom, a Fundación Paideia e Clarke, Modet & Co., e a colaboración de máis de medio centenar de organizacións públicas e privadas e universidades.

RedEmprendia é unha rede universitaria que desenvolve programas internacionais de apoio á creación e consolidación de empresas baseadas no talento e o coñecemento xerado na Universidade. Integrada por 28 universidades de 8 países, conta co respaldo de Banco Santander a través de Santander Universidades e Universia para desenvolver as súas iniciativas.

Spin 2016 conclúe cun chamamento aos mozos para "emprender sen medo"
comentarios