Sogama destina 11,5 millóns á construción da nova planta de depuración

Estará dotada con catro liñas de tratamento con capacidade para depurar 225 metros cúbicos de lixiviado diarios

Vertedero de Sogama en Cerceda. AEP
photo_camera Vertedoiro de Sogama en Cerceda. AEP

O Consello da Xunta autorizou este xoves a Sogama para contratar, por un importe de case 11,44 millóns de euros, a subministración, o proxecto, a obra, a montaxe e o mantemento dunha nova planta de depuración de lixiviados no seu vertedoiro de residuos de Areosa, en Cerceda. 

A nova planta estará dotada con catro liñas de tratamento con capacidade para depurar 225 metros cúbicos de lixiviado diario cada unha e un rendemento mínimo de depuración do 67%. 

A Xunta resalta que a "correcta" depuración de lixiviados constitúe "desde sempre" unha "prioridade" para Sogama, xa que estes deben ser tratados co fin de que as augas que se devolven á canle pública cumpran "de forma rigorosa" coas esixencias da autorización ambiental integrada do vertedoiro. 

A decisión de construír esta nova infraestrutura, explica a Xunta, obedece a un "cambio de estratexia na operativa de Sogama", derivada das "mellores circunstancias en que o vertedoiro desenvolve o seu labor". 

A ampliación do complexo industrial da entidade pública, que verá incrementada a súa capacidade nun 81%, pasando das 550.000 toneladas anuais a 1.000.000, fará posible, segundo a Xunta, "que todos os residuos urbanos producidos en Galicia poidan recibir un tratamento óptimo e que diminúa de forma considerable a cantidade de lixo destinado a vertedoiro". 

A pretensión é chegar en 2020 ao 10%, o que se coñece como vertedura técnica cero. Isto quere dicir que só se verterá aquela fracción de residuos que non poida ser reciclada nin valorizada material ou enerxéticamente, destaca.

Comentarios