Os socialistas galegos elixen o seu líder entre chamadas á participación "masiva"

Poden votar máis de 10.000 militantes, chamados a escoller entre que continúe Gonzalo Caballero ou o suceda Valentín González Formoso
González Formoso y Caballero, votando este sábado. C.ARIAS - EFE
photo_camera González Formoso e Caballero, votando este sábado. C.ARIAS - EFE

Un total de 10.074 militantes do Partido Socialista de Galicia están chamados este sábado ás urnas para elixir o seu líder para os próximos catro anos, un proceso interno no que se enfrontan o actual secretario xeral, Gonzalo Caballero, e o presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso

Nesta xornada de votacións, cada militante pode emitir o seu voto secreto en urna. Para iso, o PSdeG habilitou centros electorais nas distintas agrupacións socialistas. No caso das máis pequenas, puideron optar por un horario de mañá (de 10.00 a 14.00 horas) ou de tarde (de 16.00 a 20.00). As máis grandes, como as das cidades galegas, están abertas de dez da mañá a oito da tarde. 

Gonzalo Caballero (Ponteareas, 1975), doutor en Economía e Ciencia Política que exerceu a súa carreira profesional na Universidade de Vigo, foi considerado durante anos cabeza visible do sector crítico do PSdeG, fundamentalmente na cidade de Vigo, cunha mensaxe fundamentada no protagonismo da militancia de base e na crítica ao aparato. 

Tras 20 anos de militancia fíxose coas rendas do partido nas primarias celebradas en outubro de 2017, nas que se opuxo ao que fora deputado autonómico e actual edil na Coruña Juan Díaz Villoslada. Ao longo da súa traxectoria política, marcada polos movementos orgánicos, só ostentou dous cargos públicos: foi edil durante dous anos en Vigo e é deputado no Parlamento galego desde 2019, onde exerce como portavoz parlamentario. 

 

Pola súa banda, Valentín González Formoso (As Pontes, 1971) é alcalde dese municipio desde hai 14 anos e desde xullo de 2015 preside a Deputación da Coruña. Na actualidade, finaliza os seus estudos de Dereito —fáltalle unha materia para obter o título—, formación académica que explica que deixou en stand by para poñerse a traballar. 

Forxado na política municipal, en 2013 foi nomeado polo entón secretario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, como responsable de Política Municipal. Tras o seu salto ao aparato do partido, colleu en 2017 as rendas do PSOE provincial coruñés ao imporse en primarias á concelleira compostelá Mercedes Rosón, cuxa candidatura era a considerada afín a Gonzalo Caballero. 

A pesar de que en principio Gónzalez Formoso conta co apoio de máis dirixentes da formación, é un feito que Caballero se impuxo nas eleccións primarias en 2017 presentándose como "o candidato das bases", fronte ás baronías existentes no seo do socialismo galego. E aproveitou esta vez a súa campaña electoral para pedir unha nova "oportunidade" a esas bases do PSdeG logo dun mandato de catro anos que, insiste, estivo truncado pola crise do coronavirus que obrigou a centrarse na situación sanitaria e a reactivación económica.

 

Formoso, pola súa banda, tras máis dunha década como rexedor, decidiu dar o paso de pugnar polo liderado do PSOE galego logo de considerar que con Gonzalo Caballero “o rumbo do PSdeG non era o correcto”.

En declaracións públicas, tal e como trasladaron en diferentes momentos, a ambos os candidatos sáenlles as contas para ser o próximo inquilino da sede dos socialistas no Pino; pero, polo momento, cos avais como único termómetro, ambos parten coas mesmas posibilidades de liderar o partido logo de presentar o número máximo de avais para presentar as súas candidaturas.


Os aspirantes votan nas Pontes e Vigo
Os dous candidatos votaron xa pola mañá, nunha xornada que González Formoso cualificou de "francamente bonita", na que o "socialismo ten que dar exemplo de que estamos implicados no proceso democrático".

O rexedor das Pontes e presidente da Deputación da Coruña asegurou non estar nervioso e chamou á "participación masiva". Pediu tamén a participación masiva Gonzalo Caballero, quen votou en Vigo. Alí lanzou un chamamento "aos máis de 10.000 militantes" chamados a participar no proceso para que fagan o propio e acudan ás urnas "con liberdade e sen ningún tipo de presión, pensando no mellor PSdeG".

Comentarios