Silicon Valley 'bota o ollo' á galega Qubitia Solutions

A empresa galega Qubitia Solutions captou o interese de investidores de Silicon Valley pola súa plataforma de software para monitorizar en tempo real estratexias de investimento e cobertura para a contorna dos mercados.

Qubitia Solutions gañou a edición 2013 dos Premios EmprendedorXXI en Galicia e hoxe, na presentación da edición deste ano, un dos seus fundadores, Luis Taboada, asegurou que este galardón "cambiou a vida" a esta empresa.

Taboada incidiu en que "é o premio de maior importancia" para este tipo de iniciativas, "non só pola dotación económica senón polo valor engadido" que implica, pois grazas a el puideron "darlle a volta desde o punto de vista empresarial á compañía".

La Caixa,
a través de Caixa Capital Risc, convocou os Premios EmprendedorXXI, que suman unha contía total de 400.000 euros, son cootorgados co Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de ENISA, e en Galicia contan coa participación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), para recoñecer ás empresas innovadoras con maior potencial de crecemento en España.

Ademais, contemplan a participación nun curso de aceleración na Universidade de Cambridge especialmente deseñado para emprendedores en fase crecemento, denominado Ignite Fast Track, e durante un ano o gañador participa no programa de acompañamento que impulsa a súa xestora de capital risco, Caixa Capital Risc, que contempla misións comerciais a Silicon Valley, California, e Tel Aviv, Israel.

"Para calquera emprendedor ir a Silicon Valley o é todo", destacou Luis Taboada, quen asegurou que a súa empresa, Qubitia Solutions, está "a conquistar a NBA dos emprendedores".

Taboada explicou que "non é fácil" internacionalizar unha empresa se medios para iso, polo que asegurou que o premio lles axudou a imprimir "doses importantísimas de velocidade para que as cousas pasen" e a conseguir "un plan de negocio moito antes", co financiamento de La Caixa e da Xunta. De feito, nos próximos días Qubitia Solutions pechará aproximadamente un investimento próximo ao medio millón de euros, o que lles permitirá seguir crecendo, aínda que actualmente contan cun persoal de catorce persoas, detallou.

Entre os seus plans está abrir unha oficina en Londres e a "posibilidade" de recibir investimentos de ''capital forte" de Silicon Valley, precisou, así como facer unha presentación en Madrid "ao grande" para pechar cifras, que aínda se sitúan por baixo do millón de euros.

O director territorial de La Caixa, Marc Arthur Benhamou, incidiu na importancia destes premios, baseados na innovación, que se desenvolven nas dezasete comunidades autónomas e que chegaron xa á súa oitava edición coa participación de 3.190 empresas.

Desde o Igape, Covadonga Toca destacou a recente lei de emprendemento como "un auténtico impulso" a mellorar a competitividade no territorio, e citou a iniciativa Unidade Galicia Emprende como unha desas ferramentas para apoiar aos emprendedores nas distintas fases.

Para iso conta con sete oficinas nas principais cidades galegas, que se estenderán a outros colaboradores, agregou Toca, que tamén considerou "importante traballar na coordinación en Galicia" porque "ás veces os labores dispersos fan que non logremos ese empuxe".

A formación é un dos capítulos a ter en conta neste sentido, continuou, polo que avogou por falar de emprendemento desde idades temperás. "É un reto inmediato que todos temos entre mans", dixo a responsable do Igape.

Comentarios