Servizos Sociais acepta abordar con 'Stop Desafiuzamentos' a situación de Aurelia Rey

O edil de Servizos Sociais do Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, manterá finalmente mañá xoves unha reunión con representantes do colectivo Stop Desafiuzamentos para abordar a situación de Aurelia Rey, a muller de 85 anos cunha orde de desafiuzamento polo pago con atraso de dous meses de aluguer dun inmoble no centro.

O desafiuzamento da octoxenaria foi anulado o pasado luns tras o acordo alcanzado cos propietarios, abríndose agora un prazo para negociar coas administracións un novo aloxamento.
 
Tras coñecer a paralización do desafiuzamento medio centenar de persoas, entre eles responsables políticos como o portavoz do BNG na cidade, Xosé Manuel Carril, desprazáronse á sede dos Servizos Sociais da Coruña para esixir unha reunión co concelleiro da área, que se negou a recibilos ao non ter solicitado o encontro polas canles legais.
 
O colectivo Stop Desafiuzamentos pediu onte formalmente a reunión no rexistro municipal, fixada para mañá ás 08:00 horas nas dependencias do departamento de Servizos Sociais.  

Comentarios