Serrat e Sabina dan a nota, outra vez

Cartel da xira de Serrat e Sabina
photo_camera Cartel da xira de Serrat e Sabina

A polémica empapou de novo a Serrat e Sabina. Esta vez foi no concerto que ofreceron en Pontevedra dentro da xira Dos pájaros de un tiro.

Ó redor de mil persoas amontoábanse á porta da Praza de Touros da capital do Lérez. O motivo: minutos antes, cando aínda estaba accedendo o público ó recinto, a organización decidiu pechar as portas e deixar fóra a quen pagara relixiosamente a súa entrada para desfrutar do espectáculo que os dous paxaros prometían sobre o escenario.

A tensión foi en aumento cando se comprobou que non se trataba dunha medida provisional, senón da crúa realidade: mil persoas volverían ás súas casas sen 30€ e sen ver o concerto. O número de persoas que berraban insultos contra a organización comezou a diminuír, pero non a desistir.

Movíanse para acceder polas portas laterais a un recinto ateigado onde podían apensa moverse. Pero, aínda así, eran afortunados por conseguir entrar. Fóra, varios centos seguían aporreando as portas.

Ás dez e media da noite, cando Sabina e Serrat debían saltar ó escenario para que a Praza pontevedresa se rendese ós seus pés, a organización aseguraba que o recinto estaba cheo e que ninguén máis podía entrar. E era certo: estaba cheo. A pregunta é por que había mil persoas con entrada que non cabían na praza se as localidades estaban contadas.

Reclamación xudicial por non cantar baixo a chuvia
Mentres os afortunados coreaban as poéticas letras dos dous paxaros, a decepción non paraba de medrar entre os que asistiran ó concerto en Compostela.

A cancelación do espectáculo o pasado sábado pola chuvia podería rematar nos xulgados debido á forte presión que está a exercer o público. O portavoz dos populares de Santiago, Xerardo Conde Roa, anunciou onte que “nas oficinas do grupo municipal recolleranse as queixas dos cidadáns co obxecto de organizar unha reclamación xudicial, se fose necesario”.

A maiores, Conde Roa solicitou do concelleiro de Festas a documentación relativa ó concerto para analizala e coñecer a relación que une ó Concello coa empresa encargada da produción, a fin de esixir as responsabilidades oportunas.

Non somos parvos
As reclamacións dos asistentes non fixeron máis ca comezar. A día de hoxe o malestar pode palparse nos comentarios do libro de visitas da web oficial da xira de Sabina e Serrat, Dos pájaros de un tiro. Neles critícase dende a mala organización do evento ata a nefasta calidade do audio e, por suposto, que non se barallase a posibilidade de que esa noite podía chover en Compostela.

Pero tamén se creou unha plataforma, baixo o nome de Non somos parvos. Os seus integrantes aseguran sentirse “defraudados e engandados” e afanáronse na recollida de sinaturas para esixir a devolución dos cartos da entrada ou a repetición do concerto. Ata o de agora foron unhas 800 persoas as que expresaron o seu descontento deixando a súa firma.

Fala o manager de Serrat e Sabina
Os asistentes ó concerto de Pontevedra que non puideron entrar no recinto recuperarán os seus cartos. Así o indicou esta mañá José Navarro, manager de Joaquín Sabina e Joan Manuel Serrat en declaracións feitas esta mañá á Radio Galega.

Os afectados deben acudir coa entrada completa a calquera sucursal de Caixanova nun prazo que se abre mañá e remata o vindeiro 31 de xullo.

Sen embargo, o público compostelán non vai correr a mesma sorte. “En Santiago, diga o que diga a xente, tocaramos unha hora e pico cando se suspendeu o espectáculo”, asegurou Navarro.

O manager eludiu responsabilidades escudándose na lei, que di que “se o espectáculo está iniciado e a súa continuación non é segura para a xente que está sobre o escenario, entón deberá suspenderse”.

Así, lembrou que “eu non son o dono da taquilla, pero dubido moito que poidan recuperar os cartos”. O manager dos dous cantautores lamentou a falta dunha normativa que indique cales son as condicións nas que o espectador está no seu dereito de recuperar a cuantía da entrada; “a lei é contraria ó espectador”, concluíu.

Ó respecto da polémica xurdida a raíz da suspensión do concerto e dos comentarios verquidos na páxina oficial da xira, Navarro asegurou que os artistas non teñen a culpa. “Aínda que nos poñan verdes, é por falta de información”, asegurou.

Comentarios