Todos os nenos de 6 meses a 5 anos poderán vacinarse este sábado contra a gripe nos hospitais

Rueda anunciou a medida como resposta ao incremento das enfermidades respiratorias
Una niña recibe la vacuna contra la gripe, en una imagen de archivo. AEP
photo_camera Una niña recibe la vacuna contra la gripe, en una imagen de archivo. AEP

As familias galegas con fillos entre os 6 meses e os 5 anos poderán vacinalos este sábado nos hospitais de todas as áreas sanitarias contra a gripe e enfermidades respiratorias. Logo da experiencia piloto aplicada o fin de semana pasado na área de Santiago, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) decició estender a medida, que evidentemente é voluntaria, ao conxunto da comunidade. Anunciouno este mércores pola mañá o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control do Parlamento, onde puxo como exemplo esta medida pioneira para ilustrar o compromiso do seu Executivo cos servizos sociais en xeral e coa sanidade en particular.

Ante as críticas do portavoz do PSdeG, Luís Álvarez, que asegurou que "cando o PPdeG entra pola porta os servizos sociais saltan pola fiestra", como mostra da deterioración ao que somete as políticas de sanidade, educación ou vivenda, Rueda defendeu a aposta social contida nos Orzamentos de 2023. "Con 12.620 millóns son os máis altos da historia de Galicia e a súa finalidade é manter, reforzar e preservar os servizos públicos" fronte ás "dificultades e incertezas" do actual escenario.

VIOLENCIA DE GÉNERO

Máis axitado foi a cara a cara do titular da Xunta coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. ás portas da celebración do 25-N, Día contra a Violencia de Xénero, a nacionalista preguntou polas políticas de Galicia neste ámbito, lamentando que haxa "cero propostas" cando en Galicia, desde 2003, "foron asasinadas 65 mulleres por violencia machista, dez nenos por violencia vicaria e só o ano pasado 6.000 mulleres sufriron agresións machistas".

Fronte a esta realidade, Pontón propuxo destinar o 1% do orzamento galego a loitar contra esta lacra, incrementar as axudas económicas a vítimas en base ao IPC, crear xulgados específicos nas cidades (citou Lugo, Ourense e Santiago) e cumprir cunha lei que "leva trece anos incumprindo" ao non pór atención psicolóxica en Atención Primaria para vítimas de machismo.

O momento máis tenso foi cando a nacionalista achacou ao PPdeG que non se manifestase en contra da violación grupal de La Manada e a súa primeira sentenza, algo que irritou á bancada popular ata o punto de que o portavoz, Pedro Puy, pediu o uso da palabra pra recordar que o pleno do Parlamento aprobou por unanimidade unha declaración específica contra aquel capítulo. O propio Alfonso Rueda reprochou as acusacións de Pontón e acusou o Bloque de querer apropiarse en exclusiva dá loita contra o machismo "e non escoitar o resto" por ter postas "as orelleiras ideolóxicas".

O presidente recordou que no bipartito era o BNG quen levaba a área de igualdade e dedicaba a loitar contra o machismo 13,8 millóns. "Hoxe son catro veces máis, 44,5 millón". E concluíu retando a Pontón a apoiar ou rexeitar a lei do 'só si é si', xa que saíu adiante co apoio do BNG pero está a deixar na rúa a condenados por delitos sexuais. Pontón admitiu que habería que corrixir a lei se ten fallos, pero apoiouna para "non volver atrás".

Comentarios