O Sergas habilita un número para que os maiores de 80 anos actualicen o cartón sanitario

Está dirixido a aqueles que aínda non foron citados para vacinarse e crean que os seus datos están desfasados
Iniciado el proceso de vacunación en el Hospital Asilo de Vilalba. EP
photo_camera Vacinación no Hospital Asilo de Vilalba. EP

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) insta a chamar ao teléfono habilitado 981 569 540 ás persoas maiores de 80 anos que aínda non foron citadas para vacinarse fronte ao covid-19 e que teñan a certeza de que os datos do seu cartón sanitario non están actualizados. 

Así o indicou a Consellería de Sanidade nun comunicado de prensa, para recordar que os galegos teñen á súa disposición "varias ferramentas para actualizar os datos do cartón sanitario", ben a través da páxina web www.sergas.es a través do centro de saúde correspondente –vía telefónica ou presencial–. 

Ademais, incide en que co inicio do Plan de Vacinación, o departamento sanitario autonómico pon a disposición da cidadanía outro número máis, este 981 569 540, que activa un desvío de chamadas "para contar con maior número de operadores para poder atender a demanda". 

O "elevado número de chamadas recibidas" na xornada deste luns, ao redor das 100.000, provocou saturacións nas liñas. Por iso o Sergas recorda á cidadanía que "só é necesario que chamen, neste momento, os maiores de 80 anos que aínda non foron chamados para vacinar" e, engade, "teñan a certeza de que os datos do seu cartón non están actualizados". 

"Non é necesario que chamen os cidadáns que pertencen a colectivos como educadores, sanitarios, membros de forzas de seguridade do Estado, etc, dado que estes son chamados a través dos datos, xa actualizados, que envían á Consellería de Sanidade os colexios profesionais ou entidades responsables de cada colectivo", subliña Sanidade. 

Respecto diso, incide en que "tampouco teñen que chamar para actualizar os datos as persoas que non teñan cartón sanitario do Sergas" xa que, indica, "son chamadas polas listas que envía á Consellería de Sanidade, Muface, Isfas, etc."

Este número estará operativo de luns a venres de 8.00 a 21.00 horas e para comprobar a identidade hai que facilitar o número de DNI e a dirección de residencia. 

SMS. O Sergas sinalou que, ademais, reforza as vías para actualizar os datos co envío de SMS cun pequeno texto no que se lles pregunta aos cidadáns o seu os teléfonos adscritos ao seu cartón son correctos. "Se o son, non é necesario facer ningún trámite", apostila. 

As mensaxes SMS enviaranse primeiro aos maiores de 80 anos, aos que se vacina actualmente contra o covid-19, e despois á poboación en xeral por tramos de idade. 

Con respecto á vacinación dos desprazados, Sanidade indica que todos os que están recoñecidos polo Sergas se atopan na base de datos "se foron ao seu centro de saúde a darse de alta" e serán chamados a vacinarse "cando lles corresponda", conclúe.

Comentarios