O Sergas mantén as cirurxías "con normalidade" pese a que aumenta a presión hospitalaria

A diferenza de vagas pasadas do covid, os hospitais galegos aínda non activaron a fase dúas, na que se empregan as camas de reanimación cirúrxica "unha vez a UCI estean completas"
Sanitarios atienden a un paciente en la Uci de un hospital. JCCM (EUROPA PRESS)
photo_camera Un sanitario atende a un paciente covid nun hospital. EFE

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Jorge Aboal, asegurou este martes que polo momento a actividade cirúrxica "pódese ir desenvolvendo con normalidade" a pesar do aumento da presión hospitalaria provocada nas últimas semanas pola quinta onda da pandemia.

Preguntado en conferencia de prensa sobre se se producen suspensións ou adiamentos de intervencións non urxentes, Aboal afirmou que ata agora "os pacientes que necesitan hospitalización están todos sendo hospitalizados", igual que aqueles que "requiren soporte respiratorio específico" nas unidades de coidados intensivos (UCI).

E é que, polo momento, a diferenza de vagas pasadas do covid, os hospitais do Sergas aínda non activaron a fase dúas, na que se empregan as camas de reanimación cirúrxica "unha vez a UCI estean completas".

De acordo cos últimos datos da Consellería de Sanidade, solicitados ás 18:00h. do luns, as persoas ingresadas pola covid-19 en coidados intensivos subiron a 30 nas últimas 24 horas —cinco máis— e a 236 as que se atopan noutras unidades —tres máis—.

Na mesma conferencia de prensa, o xerente do Sergas, José Flores, admitiu que estiman que "en principio" os pacientes en UCI van ir subindo. Con todo, dixo que "a día de hoxe" os datos "non lles preocupa desde o punto de vista asistencial".

"Pero iso non quere dicir que non nos preocupe a incidencia", matizou a continuación, posto que "non son os números" que lles gustaría ter este verán.

A pesar de que "non hai ese momento de estabilización" do crecemento da presión hospitalaria, Flores si manifestou a súa optimismo debido a factores como o avance da vacinación —en Galicia, as persoas con pauta completa están xa cerca do 70% de poboación diana— e a "inmunización propia da xente que se está infectando".

Comentarios