Para ser feliz ninguén quere un camión

A pesar da gran escaseza de profesionais, cada vez son menos os que queren gañarse o pan como camioneiros. Os baixos salarios, as duras condicións de traballo e os abusos son algunhas das causas, segundo os que coñecen ben como é a vida na estrada.
El cuntiense Suso García. DP
photo_camera O cuntiense Suso García. DP

O mundo necesita camioneiros. Reino Unido, co engadido do Brexit, foi o primeiro país onde saltaron as alarmas, pero a escaseza de condutores afecta a numerosas nacións europeas e tamén a Estados Unidos. Así, un estudo da empresa de análise Transport Intelligence calcula que na Europa comunitaria fan falta 400.000 camioneiros nestes momentos, con Polonia, Reino Unido, Alemaña e Francia encabezando a lista de países con maior carestía. Segundo este estudo, España sitúase como o quinto país europeo en déficit de condutores, por encima doutros como Italia, e cunha necesidade de máis de 15.340 para cubrir a demanda das empresas de transporte.

No caso de Galicia, o gremio conta con entre 27.000 e 30.000 traballadores e necesita incorporar entre 1.500 e 2.000, segundo as estimacións que realizan as patronais do sector Apetamcor (Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia) e Fegatramer (Federación Galega de Transporte de Mercancías por Estrada).

Cunha idade media dos camioneiros ao redor dos 51 anos e os mozos sen ganas de subirse ao camión para garantir o futuro dun oficio imprescindible para a sociedade, a loxística do primeiro mundo cambaléase. ¿Que está a pasar? ¿Por que cada vez son menos as persoas dispostas a sentar diante do volante durante días para facer miles de quilómetros transportando mercancía?

Suso García (autónomo): "Os soldos son indignos e os choferes son maltratados"

Suso García, transportista cuntiense de 56 anos, teno claro: "O problema da escaseza de camioneiros é porque as condicións laborais son pésimas. A xente non quere montarse nun camión polos salarios que hai –afirma–. Cando che sobes a un camión fas de condutor, de descargador, de garda de seguridade... Pásasche todos os días 15 horas dentro da cabina e logo, aparte, pola noite dormes nun camión. Todo por un soldo indigno".

Él sabe do que fala. Non en balde, leva 35 anos na estrada, nos comezos como chofer e desde hai moitos anos como autónomo. "Empecei co meu pai levando o camión de noite sen carné. Naquela época facíanse moitas barbaridades pero era como aprendía todo o mundo", conta Suso desde Rute, en Córdoba.

Desde hai anos traballa para unha empresa de Madrid transportando artigos químicos por toda España, o que lle mantén toda a semana lonxe de casa, onde volve cada fin de semana. "Eu non vin crecer á miña filla. Cando se graduó na Universidade para chegar a ver como recollía o diploma vinme negro –lamenta–. Que conste que eu vivín moi ben do camión. E non é que me vaia mal, pero lle collín teima. Antes encantábame, pero lle collín noxo", reitera o transportista.

Ademais do desarraigamento familiar, hai outras razóns que contribuíron ao seu progresivo desencanto. "Agora o transporte está nunha situación moi mala. Faime graza que algúns empresarios digan que teñen camións parados por falta de choferes. Iso é normal porque moitos non son empresarios, senón explotadores. Ademais, hai moita hipocrisía cando se di que un chofer gaña 1.800 euros. Iso é mentira. O salario basee do convenio de Pontevedra está ao redor de 1.100 euros e logo todo o que vai de aí para arriba son dietas e as pagas rateadas. Ao final o que che levas son 1.200 euros e por 1.200 euros quedas nunha fábrica na túa casa", recalca.

No entanto, aclara o transportista cuntiense, "hai empresarios que tampouco poden pagar soldos dignos porque o transporte agora non se cobra ben. Os prezos son unha pena. Hai moitos anos un porte de Pontevedra a Madrid roldaba as 80.000 pesetas e hoxe en día vale 500 euros. Seguen ao mesmo prezo ou menos, co que subiu o gasoil... O problema é que hai moita competencia desleal e moito intrusismo", denuncia. Con respecto ao prezo do gasoil, ofrece un dato: "Onte (polo mércores pasado) boteille 1.000 litros e foron 1.400 euros que caeron dentro do tanque. Eu xa nin quería mirar...".

"Logo hai outro problema –prosegue–. Aos choferes trátanos mal. Non é normal que logo de facer dez ou doce horas entre esperas, cargas e descargas, cheguen, por exemplo, a unha gran superficie e díganlle descarga ti o camión e tira por palés de mil quilos. Portugal prohibiu as descargas por lei e aquí tamén están prohibidas: o chofer non ten que realizar a descarga. Pero esta xente aprovéitase da situación. Por iso eu collinlle teima á profesión, e iso que son autónomo. Aínda así, se puidese atopar un traballo nunha fábrica por 1.200 ou 1.300 euros, mando o camión a tomar polo saco", asegura.

Se atopase un traballo nunha fábrica por 1.200€, mandaba o camión a tomar polo saco (Suso Gómez)

Suso García tamén se queixa da "persecución continua" á que está sometido o seu gremio. "Vén unha data festiva e apártannos da estrada, restrínxennos, para que poidan circular os señoritos e poidan ir ver ás súas familias, coma se nós non tivésemos familia. Somos un sector que está esquecido, pero que ten moito poder. Temos o poder na nosa man e non sabemos como utilizalo. Somos o 52 ou o 53% da representación que ten a n\> (Confederación Española de Transporte de Mercancías), pero non hai quen nos defenda", afirma.

Para rematar, o transportista tamén censura os requisitos necesarios para exercer a profesión. Así, ademais dos custos iniciais do carné de conducir e do CAP (Certificado de Aptitude Profesional), "cada cinco anos teño que renovar o ADR (carné de mercancías perigosas) e o CAP. Iso é un chupadineros".

Benito González (empresario): "Eu invisto tempo e diñeiro en formación"

Benito González está á fronte da empresa Trabegóns, que desde Cerponzós leva 29 anos dedicada ao transporte de azulexos, aluminio, paquetería e produtos de alimentación con rutas por Europa e España. Conta cunha flota de 42 camións e 50 condutores en nómina.

Respecto da escaseza de choferes, González asegura que o problema non é novo. "é certo que agora é maior porque aumentaron moito os camións na estrada e o traballo, pero a escaseza hóuboa sempre. Se hai outros traballos a xente vaise. Pero non pasa só no transporte", sinala Benito González.

No caso concreto do seu sector, o empresario de Cerponzóns pon o foco nos "requisitos" esixidos e nas duras condicións. "O problema nisto é que estás fóra de casa moito tempo, aínda que agora non se está tanto como antes e non se traballan tantas horas –precisa–. Pero non é un traballo fácil, é para quen lle guste. O que pasa é que a xente que vén a isto non vén porque lle guste, vén porque non sabe facer outra cousa e isto tampouco o sabe facer. Antes era diferente. Antes a xente tiña amor propio. Hoxe a xente que vén aquí a andar cun camión mañá está de camareiro e pasado de albanel. Non é unha cousa que se faga por vocación, antes si", afirma.

Os empresarios do sector sinalan a falta de vocación e os numerosos requisitos esixidos para porse ao volante

Nestes momentos, González busca cinco novos choferes, debido a un aumento de flota, pero se mostra tranquilo. "Non é o que un pide, pero vai habendo. No meu persoal sempre hai unha parte que anda bailando, sobre oito ou dez persoas, pero hai outra parte que está estable. A media de idade é nova, sobre 40 anos ou 40 e poucos. Pero iso é debido a que eu tamén formo a moita xente. Teño a xente que se bota un ano ou dous andando con outros aprendendo. Eu invisto tempo e diñeiro formando a xente. Ao redor do 40% dos camioneiros que temos formouse aquí. Se non teño problemas é por iso, porque bos profesionais non hai e cada día menos", recalca. Na súa opinión, os requisitos esixidos para botarse á estrada tamén xogan en contra á hora de atraer a novos condutores ao oficio. "As horas que se piden para obter o CAP son unha animalada. á xente bótalle para atrás", recalca.

En canto aos salarios, apunta que a nómina dos seus traballadores rolda os 2.500 euros brutos. "Pero á xente non lle chega nada. Uns falan dun lado e outros falan doutro, pero tamén hai que ver o que fan e os danos que causan. é moi fácil darlle a un bordo e unha roda dun camión vale sobre 600 euros que teño que pagar eu", explica o empresario.

Escaseza houbo sempre pero agora máis. Non é un traballo fácil, tenche que gustar (Benito Glez)

Así mesmo, Benito González tamén ve necesarias moitas melloras no sector. "Por exemplo, os tempos de espera nas fábricas terían que axilizarse e os choferes non terían que tocar a mercancía para nada, pero ¿onde están os sindicatos? Eu son o menos interesado en que un condutor toque un palé porque se o rompe téñoo que pagar eu. O almacén é o que ten que descargar", subliña.

"é un traballo que che ten que gustar", insiste o empresario de Cerponzóns. Dio con coñecemento de causa: "Eu nacín no medio disto. Xa había camións en casa. Andei co camión moitos anos e aínda ando hoxe en día. Vou moitas veces a Barcelona e a Valencia", conclúe.

Camión Autoescola Pontevedra

"Os mozos non teñen diñeiro para poder ser camioneiros"

O alude de noticias acerca da escaseza de camioneiros, tanto en España como no resto de Europa, fíxose notar tamén nas autoescolas, a cuxas portas chaman moitas persoas en busca de información sobre os requisitos necesarios para porse á fronte do volante dun camión. "Veñen preguntar máis, pero a xente nova non ten diñeiro para sacarse todo o que supón chegar a ser camioneiro. O problema non é sacarse o permiso, de feito antes facíao moita xente só polo feito de telo, o problema agora é Certificado de Aptitude Profesional (CAP) –explica Teresa Bouzas, profesora de teoría da Autoescola Pontevedra–. O curso de capacitación profesional é caro, é de asistencia obrigatoria e son moitísimas horas. O problema para a xente nova é diñeiro e para a xente maior é tempo. Non poden ter esas 140 horas de disposición libre para poder facelo e para a xente nova supón un desembolso moi grande: entre o permiso e o CAP se cadra róldalle os 3.000 euros".

A maiores, cada cinco anos o CAP debe ser renovado, aínda que neste caso "son só 35 horas e é moito máis económico porque non ten práctico". No entanto, aclara Bouzas, "este é un punto que tamén quere cambiar a Comunidade Europea, pero de momento o CAP de renovación son 35 horas e simplemente teórico, pero a inicial supón moita dedicación. Nós temos un mozo que tivo que cambiar as vacacións e dedicarse a traballar pola mañá e coller as tardes como vacacións para poder facelo". E é que, engade, o obxectivo de ser camioneiro "implica moitos pasos".

A xente escoita as noticias sobre a escaseza de camioneiros e está a vir a preguntar

"Pero se nota que a xente escoita as noticias e pensa que é unha vía máis para atopar traballo. De feito, creo que moitos incluso se arriscarían a pedir un crédito para facelo se soubesen que despois ían ter un traballo cunhas boas condicións porque logo falas con moitos e os soldos son daquel xeito. Porque camioneiros fan falta, si, pero o pero vén detrás", apunta a profesora da Autoescola Pontevedra, en cuxas aulas agora mesmas cinco persoas preparan o CAP e "moitas están a sacarse o permiso C, pero máis que nada para oposicións de bombeiro, da Xunta... A xente en principio empeza por aí, para presentarse a unha oposición, e se non a aproban xa seguen polo CAP".

Pero ás portas das autoescolas non só chaman aspirantes a camioneiros, tamén os empresarios buscan alí novos choferes para os seus camións. "Algunha que outra empresa está a chamar buscando recentemente saídos da autoescola. Iso si, das condicións que ofrecen nós non nos responsabilizamos".

Comentarios