O incendio de Brión reavívase e obriga a desaloxar varias casas

O lume que este luns afectou o municipio coruñés de Brión -e que foi practicamente extinguido ás 5:00 horas deste martes- volveu a reavivarse e atópase moi próximo á área metropolitana de Santiago de Compostela tras desprazarse en dirección á localidade de Bertamiráns, no concello de Ames.

Desde a corporación de Brión, o rexedor explicou que todo indica que as chamas foron provocadas, xa que apareceron "un par de focos" á mesma hora que tivera lugar o primeiro incendio. A columna de fume pódese ver desde a capital galega e algunhas vivendas foron desaloxadas debido á proximidade do lume.

Segundo informaron desde o municipio coruñés, as chamas estendéronse pola zona final de Guitiande -lugar que o luns resultou máis afectado- e situáronse "máis preto de Ortoño", á beira de Bertamiráns. Na extinción do incendio traballan tres helicópteros e unha motobomba.
 
Este novo lume en Brión prodúcese despois de que o orixinado o luns, que segundo as estimacións queimou unhas 24 hectáreas, fose sufocado durante a madrugada. Como consecuencia, a autovía AG-56, que comunica Santiago con Noia, tivo que ser cortada ao tráfico nun tramo de 4 quilómetros.

Comentarios