Sanxenxo será pioneiro en España en redistribuír os usuarios das praias

Prevé parcelar Silgar con 780 cuadrículas de dos plazas, pero se podrán anexionar hasta 4 para dar un aforo máximo de 12 personas

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, presentou este mércores un novo sistema de redistribución dos usuarios das praias, que, en principio, aplicarase aos tres areais urbanos do municipio: Silgar, Panadeira e Carabuxeira

No caso concreto de Silgar, a praia fetiche do municipio con máis bandeiras azuis de España, prevese dividir a superficie en cuadrículas, de tal modo que se crearán un total de 780 divisións, de dúas prazas cada unha, o que permitiría un aforamento máximo de 1.500 usuarios. A cifra podería elevarse ata máis de 2.300 nos momentos de máxima afluencia, aproveitando a marea baixa e os espazos libres entre as cuadrículas e o muro da praia.

Martín foi especialmente incisivo en que a súa proposta cumpre escrupulosamente todas as medidas de seguridade impostas polo estado de alarma. Así, hai unha franxa entre o mar e a primeira liña de cuadrículas de 7 metros de ancho na preamar, que chegaría aos 30 na baixamar, onde poderían xogar os nenos e dedicarse ao paseo.

O sistema permite un aforamento de 1.500 usuarios, que poderían chegar a 2.300 coa marea baixa e aproveitando espazos libres

A praia disporá de catro accesos perpendiculares de 6 metros de ancho que irán desde o muro ata a primeira liña do areal. Entre as cuadrículas haberá corredores de 3 metros de ancho para facilitar a entrada e a saída dos bañistas. Ademais, toda esta situación estará regulada por uns acomodadores, que se encargarán de instalar aos bañistas e de velar por que non se cometan abusos ou un uso indebido das novas divisións.

Dado que a fase 3 da desescalada non comeza ata o 8 de xuño, prevese que esta medida non entre en vigor ata mediados dese mes, "sempre segundo as indicacións que nos vaian dicindo dende o Goberno", segundo apuntou o alcalde sanxenxino.

Trátase da primeira proposta formal e viable que se realiza en España para regular os usos das praias, o que espertou unha inusitada expectación mediática, con cobertura de varios medios nacionais e incluso conexións en directo con programas de máxima audiencia.