Santos aplaude a Villares por "rectificar" e avalar que Podemos acuda a Jueces para la Democracia

O portavoz de En Marea suscitou as críticas internas ao considerar que "sobraba" a petición de reunión para que esa asociación asesore ao partido na moción de censura a Rajoy
Santos presenta la llegada a Galicia del 'Tramabús' de Podemos
photo_camera Santos presenta la llegada a Galicia del 'Tramabús' de Podemos

A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, valorou que o portavoz de En Marea, Luís Villares, rectifique e considere pertinente que a formación morada acudise a Jueces para la Democracia logo de afirmar que "sobraba" a petición de reunión para que esta asociación asesore ao partido na moción de censura ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy. "O noso portavoz equivocouse e, como rectificar é de sabios, ao día seguinte rectificou", sinalou a secretaria xeral de Podemos Galicia nunha rolda de prensa celebrada este mércores en Santiago ao ser preguntada polo cambio de postura do maxistrado lucense.

Respecto diso, Santos sinalou que Jueces para la Democracia sempre "apoiou a limpeza das institucións" e a "independencia da xustiza". "Vemos como se está atacando a xuíces e a fiscais, está a atacarse incluso a separación de poderes", lamentou a tamén deputada autonómica de En Marea.

Por iso, nun contexto dunha "gravidade sen precedentes", valorou que Jueces para la Democracia teña o posicionamento de "loitar pola limpeza nas institucións, contra a corrupción e a separación de poderes", que non é "asesorar a partidos". 

Por outra banda, na rolda de prensa, o secretario de Organización de Podemos Galicia, Juan Merlo, explicou que a formación ultima a adaptación dos seus estatutos aos postulados aprobados pola asemblea cidadá de Podemos Vistalegre II. "A documentación está practicamente terminada, faltan algúns trámites, como a súa aprobación por parte do Consello Cidadán Estatal", precisou para avanzar que, en breve, a formación comezará a elaborar un "censo de militantes" para ver en que municipios pode configurar "estruturas máis ou menos amplas".

Comentarios