Sanitarios, partidos e sindicatos, contra o peche do servizo de laboratorio de Meixoeiro

A Plataforma SOS Sanidade Pública e traballadores do CHUVI, xunto a líderes sindicais e do PSdeG, BNG e AGE, concentráronse hoxe ante as obras do novo hospital de Vigo para denunciar a supresión do servizo de laboratorio central, que estará situado finalmente no Meixoeiro.

A portavoz dos servizos de diagnóstico dos laboratorios centrais do Hospital Xeral e Meixoeiro, Carmen Albo, afirmou que a medida "dificilmente asegura unha calidade adecuada e o mantemento da integridade e viabilidade" das mostras a analizar.

Así mesmo, impide "a realización de técnicas rápidas, cada vez máis implantadas en centros de alta especialización", destacou.

Segundo Albo, a externalización das actividades de diagnóstico xerará "unha deterioración da calidade que afecta á seguridade do paciente, diminúe a eficacia dos tratamentos e incrementa o gasto sanitario".

Trátase, en definitiva, dunha decisión "obsoleta" á que se opoñen os profesionais e que pode supor, nalgúns casos, como en pacientes "que acaban de saír do quirófano con febre", a diferenza "entre vivir e morrer".

Á concentración asistiron medio centenar de persoas entre traballadores sanitarios e representantes de PSdeG, BNG e AGE, que criticaron a actuación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, na construción da nova infraestrutura sanitaria viguesa.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, recordou as declaracións do presidente do Executivo galego na que anunciaba para o sur de Galicia o maior hospital "feito en España en tempos de crises", censurando que en realidade as obras "responden cada vez máis ao modelo do PP: pequeno e privado".

Besteiro considerou que a eliminación dun laboratorio "como o que ten que ser propio dun centro de referencia como pretende ser este hospital" provocará unha "perda no ámbito profesional", polo que mostrou o seu "sincero apoio a todos os profesionais que van ver ameazada a súa posición".

A viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, solicitou a dimisión de Rocío Mosquera posto que considera que a conselleira "está a saquear a sanidade pública para entregarlla aos intereses das grandes empresas sanitarias".

"Moitas" desas empresas, abundou Díaz, "teñen nome e apelidos do Partido Popular".

Cuestionou ademais que a titular de Sanidade sexa "a única no mundo capaz de enchufar en dúas ocasións ao seu marido e colocalo nunha posición inadecuada", e considerou a eliminación do servizo de análise como "un exemplo máis do que está a facer o PP en xestión sanitaria".

Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, criticou que o novo hospital de Vigo estea pensado para ser "un negocio para empresas promotoras e construtoras".

A esta denuncia adheriuse o alcalde de Vigo, Abel Caballero (PSOE), que considerou "intolerable" a "caída da calidade asistencial" do hospital pola diminución das camas e a supresión do servizo de laboratorio central.

"Isto non é o Congo Belga, é Vigo, a primeira cidade do oeste de España e demandamos a mesma calidade asistencial que teñen outras cidades de Galicia", rematou Caballero.

Comentarios