Sanidade destaca que "máis da metade" dos hospitalizados con covid ingresan por outras patoloxías

Ve "conveniente" vacinar cunha cuarta dose os maiores de 80 anos

El Concelleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. SALVADOR SAS (Efe)
photo_camera Julio García Comesaña. ARQUIVO

O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, volveu pedir este luns "prudencia" á poboación galega ante a pandemia, pero insistiu en que "máis da metade" dos ingresos de persoas con covid nos hospitais galegos prodúcense por outras patoloxías. 

En declaracións aos medios de comunicación tras visitar a nova Unidade de Saúde Mental do centro de saúde de Ponteareas, García Comesaña destacou que a Xunta segue recomendando o uso da máscara en interiores, a pesar de non ser xa obrigatorio, e "en todas aquelas persoas que teñan sospeitas" de que poden estar infectados. Con todo, e mentres o Goberno autonómico segue monitorizando o número de casos, indicou que na actualidade hai que poñer o foco na hospitalización. 

Nese punto, o conselleiro destacou que "máis da metade" dos hospitalizados con covid están ingresados por outras patoloxías, "non por covid". "Gustaríanos que non houbese ningún, pero saber que máis da metade dos casos son por outras patoloxías e ademais teñen covid dános certa tranquilidade, por así dicilo", indicou. 

García Comesaña  recordou que, a pesar da retirada das máscaras, xa se sabía de antemán que o covid non ía desaparecer", senón que se buscaba dar "normalidade" ao comportamento da poboación co virus. "Niso estamos", sentenciou. 

Preguntado sobre a necesidade dunha cuarta dose da vacina para maiores de 80 anos, o titular de Sanidade indicou que, segundo os datos dos que dispón a Xunta, si sería "conveniente", polo que así se trasladou nas reunións sobre vacinación. Con todo, esta decisión tomarase por criterios técnicos. "Se a decisión final é poñela, apoiarémola como levamos facendo semanas", engadiu. 

Comentarios