Sanidade pon a disposición da cidadanía un 'autotest' con información na web do Sergas

Este test, que está dispoñible en galego e castelán, presenta catro entradas que formulan as diferentes situacións que poden vivir as persoas que o realizan
A web do Sergas que ofrece o autotest. EP
photo_camera A web do Sergas que ofrece o autotest. EP

A Consellería de Sanidade puxo a disposición da cidadanía na web do Sergas dedicada ao coronavirus un 'autotest' para que poida "consultar síntomas e resolver dúbidas" relacionadas con esta enfermidade.  Así o informou Sanidade nun comunicado, no que explica que coa posta en marcha deste 'test interactivo', elaborado por persoal sanitario, "proporciónase á poboación un sistema áxil e inmediato no que atopar información actualizada sobre cuestións relacionadas co coronavirus", puntualizou. 

Ademais, indica Sanidade, o feito de que o test "personalice as respostas", a través de preguntas concretas, "permite ofrecer recomendacións adaptadas á situación particular de cada persona", sinala. Esta nova ferramenta de información e consulta, destaca Sanidade, súmase a outras iniciativas relacionadas coa atención a esta enfermidade postas en marcha pola Consellería de Sanidade, como o teléfono gratuíto 900 400 116 que nestes días, resaltou, "incrementou a súa demanda asistencial até nun 60%". 

Este test, que está dispoñible en galego e castelán, presenta catro entradas que formulan as diferentes situacións que poden vivir as persoas que o realizan, así como información relacionada coas dúbidas máis frecuentes acerca de temas relacionados co coronavirus.

Na maioría dos casos, a infección por esta enfermidade "é similar a un arrefriado común"

OPCIÓNS.  En primeiro lugar está a opción para as persoas que teñen síntomas e que estean preocupadas porque cren que poida deberse ao coronavirus. A segunda entrada corresponde aos que se atopan illados ou confinados en casa, ao que se ofrecen indicacións sobre o que deben facer mentres permanezan na vivenda. 

A terceira entrada informa aos que deron positivo nesta enfermidade e ofrece as recomendacións a seguir mentres estean confinados ou no caso de que a súa clínica empeore desde que permanecen no domicilio. 

Por último, a cuarta entrada ofrece información sobre as dúbidas máis frecuentes acerca de temas relacionados co coronavirus, indica a Consellería de Sanidade. 

O Sergas lembra que este coronavirus se transmite principalmente por vía respiratoria e polo contacto directo con secrecións respiratorias e que, na maioría dos casos, a infección por esta enfermidade "é similar a un arrefriado común". 

Comentarios