O Sergas estuda facilitar o certificado de vacinación a través de farmacias

Comesaña anuncia en Monforte que tamén se baralla que os usuarios poidan solicitalo de forma telefónica
Comesaña en Monforte. EP
photo_camera Comesaña en Monforte. EP

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou este mércores en Monforte de Lemos de que o Sergas está a estudar a posibilidade de facilitar que os usuarios poidan obter o certificado de vacinación a través das farmacias ou incluso que poidan solicitalo telefonicamente. García Comesaña recordaba que Galicia apostou desde "o mes de abril" por facilitarlles ás persoas vacinadas un documento "dixital" e, do mesmo xeito, cando "xurdiu un proxecto europeo", Sanidade o seu sumou "rapidamente a el" e, desde o 7 xuño, xa o fai co "formato europeo".

Ademais, o conselleiro recordou que tamén se implementou nos puntos de vacinación a posibilidade de darse de alta na Chave365, de modo que se puidese obter o certificado nos mesmos centros de inmunización. O conselleiro confirmou que por parte da Xunta de Galicia está a traballarse para que os usuarios tamén poidan obter o certificado nas "farmacias" e anunciou que "nos próximos días" facilitará información sobre esa iniciativa. Tamén falou sobre a posibilidade de que poida ser reclamado telefonicamente.

En canto á vacinación das persoas que chegan a Galicia, precisou que Sanidade seguirá aplicando a primeira e a segunda dose a aquelas persoas que teñen a condición de "desprazados", pero as demais terán que recibir a vacina nas súas "comunidades autónomas de referencia". Do mesmo xeito, a Xunta de Galicia está a traballar para facilitar a posibilidade de que os galegos poidan recibir a segunda dose da vacina noutros lugares da comunidade autónoma se este verán están fóra dos seus lugares de residencia.

García Comesaña fixo estas declaracións aos medios de comunicación logo de participar en Monforte de Lemos nun acto con motivo do trinta e cinco aniversario da posta en servizo do Hospital Comarcal de Monforte de Lemos, onde a Xunta de Galicia está a desenvolver un Plan Director, dotado con 15 millóns de euros, para mellorar as súas instalacións-.

Comentarios