O primeiro test ao paciente ingresado por un posible caso de ébola dá negativo

A alerta activouse no Chuac coruñés e o paciente, un guineano de 24 anos que levaba varios días con febre e que xa se atopa mellor, foi levado ao Meixoeiro de Vigo. Se a segunda proba tamén dá negativo poderá descartarse que estea infectado. As últimas probas apuntan a que podería ter malaria
Traslado del paciente al Meixoeiro
photo_camera Traslado del paciente al Meixoeiro

A Consellería de Sanidade confirmou que o resultado da primeira proba realizada sobre o paciente sospeitoso de portar ébola, que permanece no hospital Meixoeiro de Vigo, foi negativo. Ademais, fontes sanitarias apuntan que a enfermidade que podería sufrir é malaria.

En calquera caso, a administración sanitaria galega informou nun comunicado de que este xoves se enviarán novas mostras ao Centro Nacional de Microbioloxía en Majadahonda, para obter novos resultados que, previsiblemente, se coñecerán o venres.

Se esta segunda proba dá resultado negativo, poderá descartarse completamente a sospeita de infección polo virus do ébola, unha vez se cumpran os criterios establecidos polos protocolos que prevén dúas analíticas negativas.

A Consellería de Sanidade activara o protocolo de actuación do ébola tras recibir un caso sospeitoso no Chuac este martes. O paciente, un home de 24 anos natural de Guinea Conakry, cumpría os criterios epidemiolóxicos e clínicos compatibles cunha infección polo virus, aínda que o seu estado mellorou nas últimas horas.

Seguindo os protocolos tomáronse as mostras necesarias para confirmar ou descartar unha infección por ébola, que foron enviadas para a súa análise no Centro Nacional de Microbioloxía en Madrid. Este primeiro test é o que deu negativo.

A comitiva sanitaria que trasladou desde A Coruña a Vigo á persoa posible portadora de ébola chegou ao hospital Meixoeiro, centro de referencia en Galicia para esta infección.

BURBULLA ILLANTE. No traslado participaron dúas ambulancias custodiadas por axentes da Garda Civil e a chegada produciuse ás 09:30 horas.

O paciente foi recollido da ambulancia nunha burbulla illante nunha padiola e foi atendido por persoal cos traxes protectores que indican os protocolos establecidos.

Se finalmete fose portador do virus, trasladarase ao paciente desde o hospital vigués a un dos hospitais que se fixaron no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde como unidade de referencia para o tratamento de casos confirmados.

UN CADERNO E UN BOLÍGRAFO. As fontes precisan que o paciente está asintomático, cunha vía e antitérmicos, que está atendido por un facultativo, unha enfermeira, dous auxiliares e dous encargados de labores de limpeza, e que pediu un caderno e un bolígrafo.

Este paciente entrou o martes no servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) con síntomas dun posible caso de ébola: febre, vómitos e diarrea.

Identificouse así pola súa sintomatoloxía e, ademais, porque pasara os últimos meses en Guinea coa súa familia, de onde regresou o domingo pasado nun voo a Lisboa, e desde alí viaxou ata A Coruña, onde reside coa súa parella, con paradas intermedias no Porto e Vigo.

Comentarios