Sanidade confirma que a de Pazos é a quinta morte por violencia machista de este ano en Galicia

O Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade confirma que o crime ocorrido no municipio pontevedrés de Pazos de Borbén que deixou o cadáver dunha muller de 81 anos e preto dela, o do seu marido, de 79 anos, aforcado constitúe un novo caso de violencia de xénero, co que as mulleres asasinadas por esta secuela en España no que vai de ano ascenden a 32, a cinco en Galicia.

Así o explica nun comunicado no que a ministra Ana Mato sinala que a muller foi asasinada polo seu marido, polo que expresa a súa repulsa e "máis enérxica condena"

Trátase  da quinta vítima mortal por violencia machista e a trixésima segunda en España no que vai de ano.

As anteriores mortes relacionadas coa violencia machista en Galicia producíronse en Cervo (Lugo), O Pino (A Coruña), Foz (Lugo) e a cidade da Coruña.

A Delegación do Goberno en Galicia e a Subdelegación en Pontevedra tamén expresan a súa repulsa por este suceso e reproban "a todos aqueles que exercen a violencia".

A administración fai "un especial e reiterado chamamento" a todas as mulleres que sofren malos tratos e aos seus familiares e achegados para que denuncien aos agresores, á vez que recorda "a necesaria implicación de toda a sociedade" contra este fenómeno.

Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia precisan que non constaban antecedentes nin denuncias por malos tratos entre os membros do matrimonio de Pazos de Borbén.

Os seus cadáveres foron achados na parroquia de Nespereira a última hora da tarde de onte e a Policía Xudicial da Garda Civil fíxose cargo da investigación do caso.

Comentarios