Sandra Ortega reclama á Xunta máis persoal para atender a adultos tutelados

"Unha desatención importante a persoas moi vulnerables", sinalou a través da Fundación Paideia que preside, e argumenta que as demandas desde 2020 non se solucionaron 
Sandra Ortega. ARCHIVO
photo_camera Sandra Ortega. ARCHIVO

A Fundación Paideia, a través da súa presidenta, a empresaria Sandra Ortega, demandou á Xunta máis recursos humanos e mellora da coordinación para a atención a adultos tutelados ao considerar que a falta de persoal está a implicar "unha desatención importante a persoas moi vulnerables".

Segundo explicaron a Europa Press fontes da Fundación Paideia, en novembro de 2020 mantívose a primeira reunión entre a fundación e a conselleira de Política Social, Fabiola García, para trasladar a "preocupación" desde a entidade polo funcionamento da Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga)

"Provocado principalmente pola falta de recursos humanos que implicaba unha desatención importante a persoas moi vulnerables", especificaron sobre o contido do encontro.

Con posterioridade, en abril de 2021, Paideia promoveu un grupo de traballo con diferentes entidades sociais e a Funga "co obxectivo de mellorar a atención das persoas tuteladas". "Buscáronse modelos noutras comunidades para que puidesen achegar melloras e outros xeitos de facer", precisaron.

Deste grupo de traballo saíron unha serie de propostas que se presentaron nunha nova reunión mantida en marzo de 2023 coa conselleira de Política Social na que, engadiron, solicitábase que a Fundación Pública se adapte á nova lexislación e expúxose a posibilidade de crear delegacións "para dar un mellor servizo aos e as tuteladas".

Tamén se expuxo "incorporar o perfil dun economista para facer unha mellor xestión dos orzamentos, copiando o modelo doutras entidades públicas similares", así como crear unha comisión de profesionais de diferentes ámbitos "para poder traballar cuestións que están a xerar dificultades coa aplicación da nova Lei 8/21".

"FALTA DE SOLUCIÓN". Desde a Fundación, precisaron que na última carta enviada por Sandra Ortega, o pasado 10 de outubro, á conselleira aludíase " falta de solución" dos problemas expostos, entre eles que os estatutos da Fundación Pública Galega non estean adaptados á nova lexislación, "cando si o fixeron as entidades privadas".

Tamén aludía ao feito de que os protocolos de coordinación con outras entidades sociais acordados coa Funga "sigan sen ser aplicados" pola propia fundación pública a pesar de buscar, "facilitar e axilizar os trámites das persoas tuteladas que están en centros doutras entidades sociais en diferentes situacións como ingresos médicos, saídas dos centros ou falecementos".

"O proceso de consolidación de prazas segue en marcha case un ano despois", recóllese nas demandas da Fundación Paideia que reclama aumento dos recursos humanos ao haber "sete traballadores sociais para máis de 3.000 persoas". Todo iso, xunto á implantación de delegacións provinciais para mellorar a atención e a xestión de recursos ou a aplicación de protocolos para unha mellor coordinación. 

Comentarios