Sánchez Izquierdo di que a CRTVG está preparada para afrontar retos de futuro

O director xeral da compañía admite que Televisión de Galicia "pisa a liña vermella" en audiencia pero non o achaca aos informativos

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, afirmou no Parlamento que a compañía está en condicións de afrontar os retos que lle esperan no futuro.

Sánchez Izquierdo referiuse ás "incertezas serias" ás que debe facer fronte o ente público, aínda que dixo que Televisión de Galicia e a Radio Galega "están mellor pertrechadas para afrontar o futuro hoxe que hai bastantes anos, tanto desde o punto de vista organizativo como desde o punto de vista técnico, conceptual e de substentabilidade financeira".

O máximo responsable da Compañía de Radio Televisión Galicia presentou en comisión parlamentaria o informe sobre a xestión deste servizo público e as súas sociedades dependentes correspondente ao exercicio de 2014. 

En relación coas audiencias, Sánchez Izquierdo afirmou "que realmente a TVG está a pisar a raia vermella". Neste sentido, reflexionou acerca de que á televisión, "tal e como a concibimos, quédanlle como moito quince anos, que se non se modifica é o tope máximo de tempo que establece para este esquema de transmisión a próxima directiva da Unión Europea, que quere darlle o peche á televisión convencional no ano 2030", explicou.

Por iso, advertiu de que os actuais sistemas de televisión públicos e privados "ou fan un proceso de actualización rápido, ou corren un gravísimo risco de supervivencia". "Hai que reflexionar respecto diso, pero mentres se produce esa reflexión non sería de xustiza dicir que a TVG non está entre os mellores parámetros de audiencia entre todos os sistemas públicos de comunicación autonómicos", asegurou.

"Reivindico os contidos informativos da TVG, cuns estándares equiparables con calquera outro medio público ou privado de España", sinalou. E engadiu que "o problema" das taxas de audiencia da TVG "está noutro tipo de programacións", que vinculou a aspectos de carácter regulatorio, cambios tecnolóxicos e a cambios no uso de consumo de televisión.

Comentarios