Samuel Juárez cre que o despoboamento rural non se pode cambiar senón só frear

O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, asegurou este martes que o sector agrogandeiro e forestal galego ten futuro, aínda que recoñeceu que o despoboamento do rural é unha tendencia que non se pode cambiar, aínda que si reducir o seu ritmo mediante políticas que non desatendan ao sector primario.

"O despoboamento deste medio non é exclusivo de Galicia, é unha problemática amplamente estendida e unha tendencia na que só se pode actuar para reducir o seu ritmo", dixo Juárez, polo que advertiu da necesidade de adaptar as políticas aos tempos para mitigar un problema que teñen os países da contorna europea.

O responsable de Medio Rural compareceu este martes na comisión non permanente de dinamización demográfica, na que asegurou que o sector primario non podería prosperar se é desatendido polas administracións.

Segundo Juárez, a achega do sector agrario en Galicia en termos de valor engadido bruto supera a media estatal, pois se sitúa no 3,35 por cento fronte ao 3,1 do conxunto de España, e recorda que a ocupación ou o emprego que xera duplica a media estatal, con máis do 8 por cento, fronte ao 4,5 por cento do conxunto de España.

O conselleiro sinala ademais que as superficies agrícolas, forestais e gandeiras supoñen máis do 75 por cento do territorio, en 51 das 53 comarcas galegas, e en máis da metade das comarcas supera o 90 por cento da súa superficie.

Asegura que entre os maiores problemas do sector primario atópase o minifundismo, co que cre necesario avanzar na nova lei de mobilidade de terras para que aqueles agricultores que as abandonan llas cedan aos que desexan manterse e progresar no medio a través da modernización.

Nese apartado, di, o seu departamento fará entrega no Parlamento en breve para a súa tramitación da nova lexislación para substituír a normativa anterior, o Banco de Terras de Galicia creado polo bipartito.

O conselleiro cre que as explotacións galegas son excesivamente reducidas e continúan moi afastadas da media estatal, de 7,5 hectáreas por explotación fronte ás 22 dunha explotación media española.

Ademais, admite que o axuste vivido pola agricultura galega ao longo do último decenio deu lugar a un descenso do número de explotacións e de parcelas por explotación, así como a un aumento da dimensión das mesmas.

O responsable de Medio Rural abordou do mesmo xeito a creación das sociedades de fomento forestal como fórmula de agrupación da propiedade para dar resposta aos problemas de excesiva parcelación das propiedades individuais no monte.

Sostén que o monte pode mellorar notablemente a súa rendibilidade dado que se están producindo nestes momentos once millóns de metros cúbicos de madeira e tan só se talan seis millóns cada ano.

''DECEPCIONANTE'' INTERVENCIÓN
A deputada do BNG, Tereixa Paz Franco, cualificou esta comparecencia de "decepcionante" porque, afirma, Juárez non achegou solucións concretas ao despoboamento no rural e para a incorporación de novos activos nese ámbito.

Pola súa banda, o socialista Xaquín Fernández de Leiceaga recoñece que o despoboamento do campo en Galicia chegou mais tarde que noutros territorios do Estado e de Europa e admite que hai municipios que perderon xa un 40 por cento da súa poboación.

Comentarios