A menor agredida por un amigo no Carballiño sae da Uci 40 días despois

O mozo que a golpeou, tamén menor, supostamente dixo que quería "saber o que se sente"
Complejo Hospitalario Universitario de Ourense (Chuo). EP
photo_camera Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. ARQUIVO

A menor ferida de gravidade no Carballiño ao caer dun segundo piso tras a agresión dun amigo saíu da unidade de coidados intensivos (Uci) tras 40 días de hospitalización. Agora continúa a súa recuperación en planta no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (Chuo).

Coa súa vida fóra de perigo, a súa familia asume que queda moito por diante, tras sufrir "danos moi graves", como explicou a súa irmá en declaracións á TVG. O 9 de setembro, a menor —que cumpriu 14 anos no hospital— supostamente foi golpeada na cabeza por outro mozo da súa idade cunha pata de cabra. Despois caeu polo balcón da vivenda —nun segundo piso—, e a investigación deberá dirimir se a empurrou el ou se caeu ela tratando de escapar. Foi o propio agresor quen chamou ao 112 e trasladou que "acababa de matar a súa amiga" porque "quería saber o que se sentía ao matar". 

A irmá explica que a moza está "triste" e que aínda non puideron comunicarse con ela.

Familiares e achegados reclaman un cambio na Lei do Menor para que quen teña menos de 14 anos poida ser imputable penalmente. O obxectivo, din, é evitar que outros menores sufran "danos" polo feito de que "non vai haber consecuencias nin un castigo real" para os autores da agresión por ser inimputables.