sábado. 30.05.2020 |
El tiempo
sábado. 30.05.2020
El tiempo

Sada urxe ao Goberno a presentar a demanda para devolver Meirás ao patrimonio público

Pazo de Meirás. CABALAR (EFE)
Pazo de Meirás. CABALAR (EFE)

O alcalde do municipio coruñés insta ao Executivo a que actúe despois de que a familia Franco volvera pór o inmoble á venda por 8 millóns

O alcalde de Sada, Benito Portela, urxiu ao Goberno a que presente a demanda civil que permita incorporar ao patrimonio público o Pazo de Meirás, situado neste municipio coruñés, despois de que a familia Franco volvera pór o histórico inmoble, que foi residencia de verán de Francisco Franco, á venda por oito millóns de euros. 

En declaracións a Europa Press, Benito Portela, alcalde coa formación Sadamaioría, asegurou que o paso dado polo Franco para pór de novo á venda o Pazo é "a consecuencia" do acordo unánime do Parlamento de Galicia, adoptado en xullo, que instaba o Goberno a que iniciase as accións legais para a recuperación pública do inmoble. 

"Penso que ven que é probable que o Pazo acabe sendo patrimonio público e é unha estratexia ante isto", argumentou. En todo caso, Benito Portela recordou que "a venda está moi limitada pola declaración de BIC –Ben de Interese Cultural– do Pazo e polo Plan urbanístico de Sada". 

A través dun comunicado, a administración local engadiu que "ante a persistencia da familia Franco na venda do Pazo, o Concello de Sada insta o Goberno do Estado" á presentación inmediata da demanda civil ante o Xulgado de Betanzos e " súa anotación preventiva no rexistro da propiedade", tal e como se acordou unanimemente no pleno do Parlamento de Galicia o 11 de xullo.

"NON HAI TEMPO QUE PERDER". "O goberno do Estado non pode tolerar pasivamente a continuidade da detentación polo Franco da propiedade do Pazo. Non hai tempo que perder", declarou Benito Portela. "A presentación inmediata dunha demanda xudicial civil e a súa anotación preventiva no Rexistro, son esixencias democráticas que o Goberno do Estado debe cumprir", agregou no comunicado de prensa. 

O goberno local de Sada esixe que "dar solución" tanto ao Val dos Caídos como ao Pazo de Meirás teñan o "mesmo nivel de interese e atención" por parte do Goberno do Estado. 

Así, o executivo local sostén que "tanto nun caso como no outro, tense que pór "fin á vergoña e á reparación da memoria histórica". 

No caso concreto do Pazo, a administración local insiste en que o obxectivo é que se incorpore ao patrimonio público e se expulse aos Franco dunha propiedade" que, engade, "foi obtida indebidamente de forma ilícita e fraudulenta, tal e como acreditan os distintos informes emitidos –históricos e xurídicos– e que xa coñece a administración xeral do Estado". 

Nesta liña, o Concello recorda a proposición aprobada no Parlamento de Galicia, na que se insta á Xunta a que remita "urxentemente" o Informe da Comisión de Expertos nomeada pola Consellería de Cultura, á Administración xeral do Estado coa petición de que se realicen as accións legais para reintegrar as Torres ou Pazo de Meirás ao ámbito público. 

Así mesmo, a proposición instaba á Xunta a incorporarse ao proceso civil como coadxuvante adhesivo e declaraba, o Parlamento, a súa vontade de que a recuperación do Pazo non implicase un novo custo para "o pobo de Galicia". 

Desde o Concello elóxiase ademais o "importante traballo realizado desde hai anos por historiadores e historiadoras, asociacións da memoria histórica, á Xunta prol devolución do Pazo de Meirás, e institucións como a Deputación da Coruña. 

Sada urxe ao Goberno a presentar a demanda para devolver Meirás ao...
comentarios