sábado. 30.05.2020 |
El tiempo
sábado. 30.05.2020
El tiempo

Sada esixe á Xunta que convoque a comisión de expertos de Meirás ante a súa posible venda

Pazo de Meirás. CABALAR (EFE)
Pazo de Meirás. CABALAR (EFE)

Piden acelerar unha análise xurídica de alternativas

O Concello de Sada (A Coruña) solicitou á Xunta de Galicia a convocatoria "extraordinaria e urxente" da comisión de expertos sobre o Pazo de Meirás para concluír as posibles alternativas que permitan que este Ben de Interese Cultural pase ao patrimonio público, despois das últimas informacións que apuntan a que os herdeiros da familia Franco o puxeron á venda. 


Así o comunicou o concelleiro de Urbanismo do Concello de Sada, Francisco Montouto, membro da Comisión de Expertos do Pazo de Meirás que a Xunta de Galicia constituíu en novembro e que, até o momento, se reuniu en tres ocasiones. 


O edil de Urbanismo de Sada solicita, especificamente, a reunión da Comisión para que se "poida acelerar e concluír unha análise xurídica de alternativas e actuacións dos poderes públicos en relación coa eventualidade" do Pazo de Meirás, e se poida "definir e concretar unha solución para que se incorpore ao patrimonio público". 


Desde o Concello de Sada sostense que a "urxencia da situación non admite dilacións nin demoras" para determinar "cando e como" o Pazo de Meirás debe pasar ao patrimonio público, así como os "efectos legais" derivados de, no seu caso, a "nulidade da adquisición da propiedade por Francisco Franco sobre a venda anunciada agora". 


Nesta mesma liña, o Concello de Sada, no que se sitúa o Pazo de Meirás, fai referencia a que a Xunta de Galicia "coñece perfectamente o réxime de tutelas e garantías" no suposto de transmisión dun Ben de Interese Cultural (BIC), como está declarado o Pazo, ademais de indicar que o goberno autonómico tamén é coñecedor "da vergoña da detentación, polos herdeiros do ditador, da propiedade do Pazo".

"PASIVIDADE CÓMPLICE". O goberno local de Sada continua a súa nota de prensa acusando á Xunta de "compracencia cunha eventual transmisión do Pazo" e de "pasividade cómplice cos intereses económicos dos herdeiros de Franco" ao redor dunha propiedade que foi obtida, engade, "mediante a extorsión, o espolio e os instrumentos represivos e coercitivos dunha ditadura". 

Por último, lémbrase que desde a entrada en vigor do Plan de Ordenación Urbana e até a aprobación e entrada en vigor do Plan Especial de Protección do Patrimonio no ámbito do Pazo, os terreos e edificación BIC quedan suxeitos ao réxime transitorio contido no artigo 57 da Lei 5/2016, de 4 de maio, de Patrimonio Cultural de Galicia, "non admitíndose cambios de uso". 

O Pazo de Meirás está declarado Ben de Interese Cultural desde o ano 2011. As coñecidas tamén como Torres de Meirás eran propiedade dos herdeiros da escritora Emilia Pardo Bazán e pasaron a mans de Franco no ano 1938, despois de que a Deputación da Coruña realizase unha "subscrición popular". 

Sada esixe á Xunta que convoque a comisión de expertos de Meirás...
comentarios