Rueda descarta unha situación ''bicéfala'' no Concello de Santiago

O vicepresidente da Xunta e secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, descarta unha eventual situación de bicefalia no Concello de compostelán, ante a entrada do novo alcalde, Agustín Hernández, e a continuidade do rexedor Ángel Currás como edil, pois esta é meramente transitoria.

Rueda visitou hoxe A Coruña, onde explicou aos xornalistas que o propio Currás adiantou que a súa permanencia no goberno de Compostela é "transitoria", polo que continuará no Consistorio "non demasiado tempo", manifestou.

Salientou a súa confianza sobre Hernández, de quen espera que exerza as súas obrigacións na xestión do Concello, mentres que, sobre o seu substituto á fronte á Consellería Infraestruturas e Medio Ambiente, indicou que iso é algo que lle corresponde desvelar os detalles ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aínda que si adiantou que "non vai haber ningún baleiro de poder nunha Consellería tan importante" e tampouco "recambio, por suposto".

O vicepresidente recoñeceu que "en Santiago había unha crise importante" pero a "reacción e decisións" que se tomaron "foron no camiño de arranxala", explicou a lña vez que concretaba que Hernández sexa alcalde da capital galega nunha semana.

Neste sentido, avogou por non "perder a perspectiva" de que se trata de que o Concello funcione no día a día e arranxe os problemas dos cidadáns, contexto no que dixo esperar que "de aquí en diante" Compostela "produza moitas noticias en positivo".

Tampouco desaproveitou a oportunidade para referirse ao PSdeG, sinalando que son "outros partidos" os que "empezan con problemas en Santiago", unha afirmación que fai alusión á investigación dos socialistas sobre o inflado do censo de militantes da súa agrupación en Compostela en pleno proceso de preparación de primarias para elixir ao candidato á Alcaldía, xa que a afiliación duplicouse nos últimos meses.

Comentarios