Rueda asegura que ver aos membros do seu partido ir declarar non é ''nin fácil nin agradable''

O vicepresidente da Xunta e secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, afirmou hoxe que a imaxe que se transmite co xuízo a sete concelleiros do seu partido iniciado hoxe en Santiago de Compostela non é "nin fácil nin agradable".

Sete edís do grupo de goberno popular, para quen o fiscal pide nove anos de inhabilitación, son xulgados este luns por un presunto delito de prevaricación, tras autorizar en maio de 2013 nunha xunta de goberno que se pagase con fondos municipais a defensa do concelleiro de Deportes Adrián Varela, quen ao final renunciou a custeala con cargo ao erario público.

En declaracións aos informadores tras participar nunha comisión parlamentaria, Rueda sinalou que a única noticia que tiña da vista é que se estaba celebrando e agregou que non faría declaracións aínda que coñecese o que se está dicindo, ata coñecer "a opinión do xuíz". Por iso, insistiu: "Imos esperar ao que se decida e, a partir de aí, como dixemos sempre, actuaremos en consecuencia".

Preguntado pola imaxe que se transmite á sociedade con estas situacións, recordou que xa dixera que non lle gusta, "con independencia que sexa en campaña electoral ou non o sexa".

Concluíu que non se trata dunha "imaxe nin fácil nin agradable, pero especialmente para os seus propios protagonistas", "pero a Xustiza ten os seus tempos e pouco máis temos que dicir", reiterou.

Comentarios