Rueda apoia a Prado, pero confesa que a súa situación ''non é fácil''

O secretario xeral do PP, Alfonso Rueda, admitiu hoxe que non é fácil a situación da portavoz do partido, Paula Prado, aínda que defendeu a súa presunción de inocencia, posto que non está imputada, e afirmou que se lle pediu que, "a pesar das circunstancias, cumpra co seu labor o mellor posible, que creo que é o que está a facer".

En declaracións aos xornalistas tras a firma dun convenio co colexio de psicólogos, o vicepresidente da Xunta lamentou a actitude do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, porque, dixo, mentres o seu partido pide que se cese a Prado, chegou a asegurar que serán os militantes socialistas quen decidirán se nas súas listas van imputados.

Preguntado Rueda por se o PP pensou tomar algunha medida contra Prado, tras coñecerse que o seu marido está a ser investigado por posibles irregularidades en contratacións municipais, Rueda reiterou que se trata dunha persoa que unicamente foi testemuña nun procedemento e non está imputada.

Esta deputada, sinalou, foi a primeira en pór o seu cargo a disposición do partido e o PP, "a día de hoxe" defende a presunción de inocencia e "moito máis" a dunha persoa que unicamente foi testemuña.

"Deixemos que actúe a xustiza, non atopamos motivos para cambiar a situación, a día de hoxe, de Paula Prado", remarcou.

Roda, ademais, remitiuse ao comunicado que Prado enviou aos medios, no que afirma que "nunca" intercedió pola actividade profesional do seu marido nin por ningunha das empresas para as que el traballou, un texto que "deixa ben claro cales son as circunstancias que agora concorren".

Sobre se cre que esta situación pode interferir nos seus labores como portavoz popular, admitiu Rueda que a actual situación non é fácil polo que lle pedimos que, a pesar das circunstancias, cumpra co seu labor o mellor posible, que creo que é o que está a facer". O vicepresidente da Xunta tamén recordou que Prado interveu a pasada semana no Parlamento en dúas ocasións, polo que "calada non está e en temas importantes, intervén, e agradézollo, ademais".

Con todo Rueda desculpou o feito de que a portavoz non compareza ante a prensa os venres, como adoitaba facer, novamente baixo o argumento de que as circunstancias "non son fáciles, empezando por ela".

O secretario dos populares galegos aproveitou a ocasión para contestar as declaracións do líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que nunha entrevista radiofónica manifestou que os militantes decidirán se os imputados van nas listas electorais, unhas declaracións que  considerou que revelan "falta de criterio e incoherencia", dado que, á súa vez, o líder socialista ''pide o cesamento'' de Prado.

Finalmente, a preguntas de se o PP vai levar imputados nas listas, sinalou aos xornalistas que, cando se elaboren, "terán a resposta de todo iso".

Comentarios