Rueda afirma que o proxecto do Goberno central para a reforma local ''ten bastante marxe de mellora''

O secretario xeral do PPdeG e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou hoxe que o proxecto do Goberno central para a reforma da administración local "ten bastante marxe de mellora".

Rueda fixo esta afirmación en declaracións aos informadores antes da reunión que hoxe celebrou en Santiago de Compostela o comité de dirección do PPdeG.

O secretario xeral informou de que este sería un dos asuntos que trataría a dirección do partido, que conta entre os seus membros co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde de Ferrol, José Manuel Rei Varela, quen tamén informará da postura deste órgano, publicada recentemente e moi crítica coa proposta do Executivo.

Rueda dixo que tamén é coñecida a postura da Xunta, á que lle foron aceptadas unhas alegacións e outras non, polo que insistiu en que "hai cousas que aínda se poden mellorar nesa lei", pois "aínda ten marxe de mellora, bastante marxe de mellora (e) poderase mellorar agora no trámite parlamentario".

O dirixente do PPdeG subliñou que a canle para esas melloras é "sen ningunha dúbida, a Fegamp" e o trámite parlamentario.

"Calquera outro intento de facelo por fóra, ou calquera outro intento que esperamos que non sexa así, partidista, de ningún partido da oposición, de intentar utilizar á Fegamp, ou máis ben querer romper a Fegamp coa escusa da reforma da administración local, creo que iso non levaría a ningunha parte", advertiu en relación cunha plataforma de alcaldes que se opuña á reforma como está exposta.

Sobre este asunto, concluíu que "se hai un camiño para conseguir que sexan efectivas esas alegacións a este proxecto de lei, cremos que é a canle institucional, da Fegamp".

Incendios forestais
Rueda informou tamén de que a dirección do PPdeG fará balance da actual campaña de maior risco de incendios forestais e adiantou o seu agradecemento a todos os integrantes do dispositivo de loita contra o lume no monte e ás distintas administracións que colaboran.

O secretario xeral do PPdeG resaltou a necesidade de seguir "concienciando á sociedade galega da necesidade ineludible de illar aos incendiarios, de facer todo o posible para identificar a aqueles que queiman o monte, de convencer a todo o mundo de que se trata de criminais cuxas acciones producen danos moi graves".

Comentarios