Rosario Porto: "Os 11 anos que vivimos xuntas compensan o martirio que estou a pasar agora"

A terceira e última entrega da serie-documental sobre o caso Asunta centrouse no testemuño dunha compañeira da nena e no coñecido como 'home do seme' ► O programa remata cunha carta de Alfonso Basterra
Rosario Porto
photo_camera Rosario Porto

Antena 3 emitiu este mércores a terceira e última entrega da serie-documental sobre o caso Asunta. Nesta ocasión o programa dedicou boa parte da súa duración ao testemuño dunha moza, compañeira de clases de francés de Asunta, que asegurou ver á nena co seu pai o día do crime; e no coñecido como 'home do seme'. Ademais, o capítulo emitiu o resto da entrevista realizada a Rosario Porto desde prisión —xa no episodio anterior se adiantara parte da conversación— e da carta escrita por Alfonso Basterra.

A nai de Asunta relatou aos creadores do programa como era a pequena. Neste sentido dixo que se trataba dunha nena moi alegre, un pouco reservada e "sobre todo, moi feliz". "Oxalá puidese dicirlle algo", apuntou Porto ao entrevistador. "Diríalle que a pesar de todo o sucedido non me arrepinto de nada; e que os 11 anos e 3 meses que vivimos xuntas compénsanme absolutamente todo este martirio que estou a pasar agora. Só espero tela feito tan feliz como ela nos fixo a nós", concluíu.

BASTERRA. O programa finalizou cunha misiva enviada por Alfonso Basterra na que describe a "rabia e a ira" sentida cara a "o xuíz instrutor, o fiscal, os avogados da acusación particular, os medios de comunicación e moi particularmente cara á persoa que acabou coa vida da miña nena". Con todo, confesa que se afastou deses sentimentos que o "esnaquizaron" durante anos e comprendeu que "o perdón é o único camiño". 

"Cando dentro de seis anos obteña o terceiro grao, en lugar de asasinar aos citados, como tantas ocasións imaxinei, o que realmente desexo é sentarme nunha cafetería con eles e debater o que foi aquel xuízo", escribiu Basterra.

O pai de Asunta termina a carta contando que o seu propósito, cando salga de prisión, é "desaparecer". "Ninguén volverá saber de min, nin tan sequera Rosario Porto. Só teño unha razón para seguir con vida, que non é outra que volver ser un home libre e reunirme coa miña nena, nunca antes. De feito xa teño pensado o como e o onde, tan só me falta o cando, pero todo chega. A miña verdadeira condena non é a prisión, senón non tela podido socorrer cando máis me necesitou. Iso é algo que nunca me poderei perdoar. Así, cando coñeza o meu falecemento —dille a o responsable do programa—, rógolle que descorche unha botella de cava e brinde cos seus. Só nese momento comprenderá que recobrei a felicidade. A miña nena necesítame e eu a ela".



Comentarios