Román Rodríguez, sobre o Monte Caxado: "Os alumnos de Secundaria deben estar en institutos"

O conselleiro de Educación insiste en que se trata do traslado de 56 estudantes e se incrementan "os servizos educativos que hai"

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, afirmou que o traslado de 56 alumnos do colexio Monte Caxado nas Pontes responde a "unha decisión" que tomou a Xunta de Galicia no ámbito das súas competencias, porque entende que "os alumnos de Primaria deben estar en colexios e os alumnos de Secundaria en institutos".

O conselleiro confirmou que os "servizos de Inspección" e a "Xefatura Territorial" da Consellería de Educación continúan traballando para "planificar" e "mellorar o proceso educativo".

"Ese centro, díxeno moitas veces, non se pecha. Nin moito menos. Hai un desprazamento, un cambio dos alumnos de secundaria que estaban neste colexio para un instituto que está á beira, a pouco máis de 500 metros. Estamos a falar de 56 alumnos de secundaria", precisou o conselleiro.

Román Rodríguez recoñeceu que, sempre que se expón unha cuestión deste tipo hai "certo malestar e inquietude", pero a "Inspección está a traballar" para que a "única diferenza que haxa" en canto aos alumnos desprazados "sexan as paredes do edificio".

Nese sentido, insistiu en que non só se manteñen os servizos educativos que hai", senón que se incremente" a actual liña de traballo. "É unha decisión que toma a Administración no ámbito das súas competencias, entendendo que os alumnos de Primaria deben estar en colexios e os alumnos de Secundaria en institutos, como é o caso", concluíu.

Comentarios