Rocío Mosquera non cree que o 'recurso cama' mida a eficencia dos hospitais

A calidade mídese "polos recursos tecnolóxicos e polas actividades", asegurou. O PP rexeitou cos seus votos o sufraxio dos gastos para a implantación de hemodinámica 24 horas

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, dixo este mércores que o 'recurso cama' xa non é nos hospitais públicos de Galicia "un índice de eficacia nin de efectividade".

Mosquera indicou no Parlamento de Galicia que cada vez máis os hospitais "non se miden polo recurso cama, senón que se miden polos recursos tecnolóxicos e polas actividades que teñen con actividade hospitalaria". E asegurou, neste sentido, que o servizo sanitario público galego reflexa "cada día unha estancia media máis baixa". "Estamos a traballar cada vez máis para ter máis hospitalización a domicilio, para ter cada día máis hospitais de día e para ter menos cirurxía ambulatoria", manifestou Mosquera, asegurando en todo momento a calidade asistencial dos pacientes, precisou.

A titular de Sanidade respondeu nestes termos a unha interpelación da deputada de AGE Eva Solla, que preguntou a Mosquera sobre o peche de camas hospitalarias principalmente nos meses de verán.

A conselleira asegurou que as camas "non operativas pódense activar en calquera momento, porque están perfectamente dispoñibles para esta operatividade". "Xestionamos con eficiencia os fondos públicos, facelo doutro xeito sería un malgaste dificilmente xustificable", indicou a conselleira.

Segundo a titular de Sanidade, "non sería eficiente" ter camas baleiras por todos os hospitais, "o lóxico -precisou- é planificar e isto é o que facemos cada ano mellor e cada ano dun xeito máis eficiente", indicou. Recordou tamén que nos meses de verán diminúen os índices de ocupación, cada vez "máis baixo", sinalou, e que esa circunstancia se aproveita para facer obras de mantemento.

A deputada interpelante, Eva Solla, acusou á conselleira de "estrangular" o servizo sanitario galego pola aplicación das súas políticas, coa "metade do orzamento público sanitario privatizado", puntualizou a parlamentaria.

Durante o verán de 2014, segundo a deputada de AGE, os centros sanitarios públicos de Galicia rexistraron "o maior peche de camas da historia: 1.095".

Na sesión plenaria da mañá deste mércores o grupo Popular, con maioría na Cámara, rexeitou cos seus votos unha proposición non de lei socialista na que a deputada Concepción Burgo propuña ao Goberno galego dialogar coa Deputación de Lugo para aceptar o seu ofrecemento para sufragar os gastos necesarios para implantar no Hospital Universitario Lucus Augusti o servizo de hemodinámica durante 24 horas.

Comentarios