Ribeira Sacra convoca unha cata para valorar a maior colleita da súa historia

O consello regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra convocou para o día 24 deste mes, no Parador de Turismo de Monforte de Lemos (Lugo), a cata oficial para cualificar a colleita do ano 2011, a máis abundante da historia desde que existe o órgano reitor.

Segundo informou o propio consello regulador, o panel de cata valorará dez mostras de viño, dúas por cada unha das subzonas incluídas na denominación de orixe, unha dunha adega de moita produción e outra de pouca, para ter unha visión máis ampla sobre a calidade dos caldos. En canto aos catadores, espérase a participación de nove profesionais de recoñecido prestixio, integrantes das principais asociacións de catadores, catadores e enólogos que hai en Galicia, membros do consello regulador, xornalistas especializados e expertos en viticultura.

Estarán no panel de cata Iria Otero, da Asociación de Catadoras 'Gallaecia'; Marcial Pita, membro da Asociación Galega de Catadores; Álvaro Bueno, membro da Asociación Galega de Enólogos; e José Antonio Portela Sánchez, representante da Asociación Galega de Catadoras. Tamén participará o xornalista Luís Díaz Álvarez e o experto en viticultura Waldo Carreiras, así como dous membros do panel de cata do propio consello regulador Ribeira Sacra, José María Martínez e Juan Ángel Fernández.

As catas anuais de cualificación da Ribeira Sacra realízanse de forma itinerante polas diferentes subzonas da denominación e, nesta ocasión, tócalle a quenda á zona de Amandi. O ano pasado a cita foi en Trives, onde a colleita de 2010 foi cualificada polos catadores acreditados como "moi Boa".

Comentarios