O respirador do consorcio galego testarase dentro dunha semana en porcos

Se a proba funciona, a mediados de mes realizaranse os ensaios clínicos en humanos, como paso previo para comezar a súa produción industrial

O innovador respirador que desenvolve un consorcio de empresas galegas, unha máquina tan demandada durante esta urxencia sanitaria, será testado a próxima semana en porcos, unha vez que saíu airoso no ensaio clínico realizado co pulmón artificial do complexo hospitalario da Coruña (Chuac).

Generated by  IJG JPEG LibraryNesa proba con animais, que levará a cabo na Fundación Profesor Nóvoa Santos —un dos socios do consorcio—, o respirador deberá "garantir soporte vital entre 6 e 24 horas", segundo explicou Jacobo Penide, que é o director xeral da tecnolóxica que lidera o proxecto, Bionix.

Se esa proba é exitosa, xa o podería homologar a Axencia Española de Medicamentos e Produtos  Sanitarios, coa que mantén contactos. Se as previsións se cumpren, na seguinte semana realizará os ensaios clínicos en humanos, que é o paso previo para comezar a produción.

O consorcio ten capacidade para producir un milleiro de respiradores á semana

No mellor dos escenarios posibles, dentro de 15 días empezaría a fabricación a escala deste dispositivo denominado Freesterra-I, acrónimo de "libre" e do "final da Terra".

O consorcio galego pode producir "uns 1.000 respiradores á semana" co fin de abastecer aos hospitais "en función da demanda", segundo precisou Jacobo Penide.

O director xeral de Bionix asegurou que o consorcio constituído para desenvolver o respirador "ten capacidade de fabricar, pero non descartamos que teñamos que recorrer á industria para escalar esa produción".

No desenvolvemento deste innovador dispositivo, que contou co asesoramento de anestesistas e neumólogos, está a traballar o enxeñeiro informático lucense David Maseda Neira. No proxecto liderado por Bionix tamén participa o Clúster TIC Galicia; as empresas Cinfo, Electrónica&Comunicacións, Dimalnox, i3DAtlántico e Blanco Mayer e a fundación Profesor Nóvoa Santos.

Comentarios