As reservas de sardiña atlántica, no nivel máis baixo da súa historia

Un informe do Observatorio da Pesca e da Acuicultura da Comisión Europea alerta dunha caída "considerable" da especie en España
Sardinas en una pescadería listas para ser vendidas
photo_camera Sardinas en una pescadería listas para ser vendidas

As reservas de sardiña en augas ibéricas do Atlántico (Golfo de Cádiz, Portugal ou Cantábrico) atópanse actualmente no nivel "máis baixo" da súa historia, segundo un informe do Observatorio da Pesca e da Acuicultura da Comisión Europea (CE).

O estudo destaca a caída "considerable" da especie, importante para o sector pesqueiro e para as industrias conserveiras de España e de Portugal.

Segundo a CE, nos caladoiros ibéricos do Atlántico a biomasa reduciuse un 71% nos últimos dez anos.

No mar Mediterráneo, tamén se produciu un forte descenso dos desembarques das flotas españolas e francesas, en caladoiros como o Golfo de León.

O estudo sinala que entre 2004 e 2014 a maioría dos países que capturan sardiña, excepto Croacia e Italia, sufriron caídas na pesca; no caso de España diminuíu un 30%.

Esta especie non está sometida ao sistema de cotas que aplica a Unión Europea (UE) para a maioría das pesqueiras do Atlántico; pero España e Portugal acordaron medidas, como un máximo de 14.000 toneladas para este ano.

Doutra banda, a CE sinala que a industria transformadora dese peixe é importante na maioría dos países do sur de Europa, cunhas 16.000 toneladas en 2014, no caso español.

Resalta que en 2015, a UE rexistrou un déficit no comercio de sardiña por valor de 100 millóns de euros, debido principalmente á importación en conserva, aínda que tamén, en menor medida, polas compras de xénero conxelado para abastecer as industrias.

Marrocos é o primeiro provedor de sardiña conxelada e en conserva.

Dentro do comercio intracomunitario, España e Croacia son os principais abastecedores de produto fresco e conxelado, mentres que Portugal domina o mercado de produtos en conserva.

A CE precisou que as importacións comunitarias deste peixe en fresco son case inexistentes, o que proba que non hai alternativa á sardiña europea para esa clase de subministración, xa que dada a súa "fraxilidade e limitada idoneidade para a manipulación" debe ser consumida rapidamente.

Por iso, o fluxo de sardiña fresca limítase na súa maioría a países veciños (de Croacia a Italia e de España a Portugal).

Comentarios