Renuncia o edil do PP en Mugardos condenado por conducir ebrio

Gustavo Garro Arroyuelo, o edil do PP de Mugardos condenado este fin de semana en xuízo rápido por conducir baixo os efectos de alcol, negarse a facer a proba e tratar de agredir os axentes que o sorprenderon ebrio ao volante, presentou esta mañá o seu escrito de renuncia á acta de concelleiro.

Así o asegurou a Efe esta mañá o portavoz do grupo municipal do PP mugardés, Domingo Deus, que indicou que Garro formalizou a súa renuncia por escrito no rexistro municipal. A dimisión será oficial cando se celebre o próximo pleno, previsto para este venres 14. "É unha situación desagradable e esta conduta non se pode tolerar. Fixemos o que tiñamos que facer", resumiu hoxe Deus.

Garro, natural de Miranda do Ebro, levaba anos asentado no municipio mugardés onde era concelleiro. Substituirao a número cinco da lista popular, Ángeles Díaz, confirmou hoxe Deus.

O grupo popular conta con catro edís na corporación mugardesa, onde goberna o BNG.

O incidente de Garro coa policía local de Ferrol ocorreu na madrugada do venres ao sábado na cidade naval.

Foi condenado polo xulgado de garda a un ano de prisión, que non cumprirá porque carece de antecedentes.

Comentarios