Recuperadas case dúas toneladas de metal roubados en Sigüeiro

Axentes da Garda Civil de Sigüeiro (A Coruña) recuperaron case 2.000 quilos de metal en 250 puntais de obra que foran roubados da localidade durante o fin de semana supostamente por un veciño de Teo, de 45 anos, que xa foi detido.

Os puntais atopábanse nunha obra que se acaba de iniciar fronte ao colexio da localidade e que albergará un supermercado, informa o instituto armado nun comunicado.

O metal foi cargado nunha furgoneta e trasladado ata unha chatarrería da zona de Alvedro, onde foi vendido polo agora detido, pero as rápidas xestións dos gardas e a colaboración cidadá foron fundamentais para resolver con prontitude o caso.

A totalidade dos puntais fóronlle devoltos ao promotor da obra e os feitos foron postos en coñecemento do Xulgado de Instrución número 2 de Ordes.

Comentarios