Un recluso morre no cárcere de Teixeiro tras prenderlle lume á súa cela

O preso –considerado perigoso– acabada de chegar trasladado doutro centro penal

Cárcel de Teixeiro. AEP
photo_camera Cárcere de Teixeiro.AEP

Un recluso do módulo de réxime pechado do cárcere de Teixeiro faleceu na tarde deste mércores tras prenderlle lume á súa propia cela. Segundo informa persoal do centro, o preso –considerado perigoso– acabada de chegar trasladado doutro centro penal.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes de Institucións Penais, o suceso ocorreu ás 20,00 horas deste mércores nunha cela do módulo de illamento deste cárcere coruñés, cando saltaron as alarmas pola presenza de fume na galería.

Os funcionarios de garda comprobaron a través das cámaras que, efectivamente, estaba a producirse un incendio e había unha intensa fumareda, polo que procederon a abrir as celas para que os internos saísen ao patio e non resultasen afectados.

Con todo, comprobaron que un dos internos -que se atopaba na cela onde se iniciou o lume- non saíra ao patio e, cos equipos de protección pertinentes, procederon a entrar na zona. 

O preso foi localizado inconsciente polo intenso fume no interior da súa cela e o equipo médico do cárcere desprazouse de inmediato para intentar reanimalo, pero só puido certificar a súa morte.

Institucións Penitenciaras iniciou unha investigación interna, como é habitual en calquera tipo de incidente, para esclarecer o sucedido. A maiores, precisaron, deuse parte ao xulgado, que tamén realizará unha investigación xudicial sobre este feito.

O falecido é un preso considerado perigoso, tal e como confirmou en declaracións aos medios a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, que acababa de chegar á Coruña desde a prisión gaditana do Porto de Santa María, dado que tiña pendente unha comparecencia nun xulgado galego. A morte puido producirse por "asfixia", segundo os primeiros indicios.

Do suceso, López-Rioboo explicou que o home se atopaba con outro preso perigoso, que si saíu da cela, mentres que ao falecido sacárono, aínda con vida, os traballadores da prisión, pero "non puideron reanimalo".

SEGUNDO INCENDIO. A semana pasada outro recluso perigoso tamén prendeu lume na súa cela pero dous funcionarios de prisións lograron salvarlle a vida. O home, afectado por inhalación de fume, permanece hospitalizado desde o pasado xoves.

Concretamente, o lume iniciouse sobre as 21,00 horas do pasado partes 7 de maio. O incendio obrigou a intervir tamén a dous funcionarios, que tiveron que entrar no fume para rescatar ao interno da cela na que se orixinou. Aínda que resultou intoxicado, recuperouse daquel episodio.