Raquel Arias asegura que é ''dificil atopar material e profesionais'' para reparar as pallozas

A delegada territorial da Xunta de Galicia, Raquel Arias, recoñeceu que neste momento é "difícil atopar na contorna o material adecuado" para repor os tellados das pallozas de Piornedo, declaradas Ben de Interese Cultural (BIC), e incluso "profesionais adecuados para realizar ese traballo".

En todo caso, a delegada anunciou que a próxima semana manterá unha reunión cos veciños de Piornedo, no municipio lucense de Cervantes, para buscar unha solución ao problema que xerou a deterioración das citadas pallozas.

Os propietarios e o alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, informaron de que case todas as pallozas do núcleo de Piornedo atópanse "deterioradas" polas inclemencias do tempo e avisaron de que se non se acometen traballos para rehabilitar o teitume corren o risco de ''desaparecer".

En declaracións a EFE, Gómez Tadín asegurou que "se non se intenta arranxalas, as pallozas desaparecerán e son o referente de Cervantes", en plena comarca dos Ancares, e imaxe recorrente na promoción turística do interior de Galicia.

O rexedor local precisou que "case todas" teñen "o teito mal", porque os últimos temporais, especialmente o forte vento que azoutou a comarca hai unhas semanas, acentuou en poucos días o proceso de deterioración.

Raquel Arias afirmou que a Xunta de Galicia "está interesada en promover unha solución estable e duradeira que garanta a conservación das pallozas. Unha solución que implique a todas as administracións e, por suposto, aos propietarios".

Opina que "todas as administracións con competencia no territorio e propietarios debemos avaliar a situación e atopar unha solución a longo prazo", porque "o problema vai máis aló do custo que supón repor os teitos das pallozas". De feito, subliñou que actualmente "é incluso difícil atopar na contorna o material ou para os tellados e profesionais adecuados para realizar ese traballo".

O grupo parlamentario socialista tamén presentou varias iniciativas na Cámara autonómica para instar a Xunta de Galicia a asumir a rehabilitación desas pallozas e recordou que, na época de Goberno de Manuel Fraga, a Administración autonómica destinaba unha cantidade anual para a súa conservación.

Comentarios