Un raio provoca danos nunha vivenda de Rianxo sen causar feridos

Os feitos ocorreron no lugar da Burata, parroquia de Taragoña
Un camión de bomberos. AEP
photo_camera Un camión de bomberos. AEP

Unha vivenda, da localidade de Rianxo, viuse afectada pola caída dun raio sobre o seu tellado, a pasada noite, segundo informa o 112 no seu parte de incidencias.

Os feitos ocorreron no lugar da Burata, parroquia de Taragoña, ao fío das 21.30 horas. Nese momento, os axentes da Policía Local contactaron co 112 Galicia para informar o suceso, no que non había que lamentar danos persoais, e para solicitar o apoio dos Bombeiros.

A continuación, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) deron o aviso aos Bombeiros de Boiro e aos membros de Protección Civil de Rianxo. Ademais, os datos tamén se puxeron en coñecemento da empresa subministradora da enerxía eléctrica.

Segundo a información facilitada pola dotación de Bombeiros desprazada ao lugar, o raio caeu no teito da vivenda e chegou a entrar na mesma, véndose afectadas a instalación eléctrica e a fachada do domicilio. A persoa que residía no lugar resultou ilesa.