A Coordinadora de En Marea vincula a súa continuidade ao resultado da consulta sobre Quinteiro

"Hai que reflexionar por que se lanza este proceso e non o revogatorio", remarcou a deputada

Paula Quinteiro. PEPE FERRÍN
photo_camera Paula Quinteiro. PEPE FERRÍN

Os integrantes da Coordinadora de En Marea consideran que a súa continuidade debe ligarse ao resultado da consulta sobre a deputada Paula Quinteiro, que se viu envolvida nun incidente coa Policía Local de Santiago na madrugada do 18 de marzo. 

Ese é o "sentir" dos seus integrantes, segundo trasladou Gonzalo Rodríguez, que exerce así de portavoz dos membros. Aínda que inicialmente falou de dimisión, posteriormente matizou que non se trata de que os integrantes da dirección, que capitanea Luís Villares, vaian deixar os seus cargos nada máis coñecer o resultado. 

En todo caso, os membros da coordinadora trasladaron esta idea a través de Gonzalo Rodríguez unha vez que xa comezou a votación da consulta, ás 10.00 horas deste martes, unha consulta que arrincou con normalidade segundo fontes consultadas por Europa Press. 

Pola súa banda, Quinteiro reiterou que non acatará a decisión da consulta sobre o seu futuro xa que non é a fórmula amparada polos estatutos da formación, polo que, na súa opinión, demostra que quen están a desatender ás bases son os membros da dirección de En Marea e non ela.

As bases de En Marea, cun censo de 2.061 inscritos, deberán contestar "si" ou "non" á seguinte pregunta: "Consideras que Paula Quinteiro debe dimitir do seu cargo como deputada do Parlamento galego polo uso da súa acta de deputada para un asunto particular?".

Con todo, en declaracións á prensa nos corredores do Parlamento, Quinteiro reiterou que, ao seu parecer, "esta consulta non respecta a vontade das inscritas" porque as bases de En Marea, na Asemblea de Vigo, dotáronse "colectivamente dun marco común que contemplaba uns procesos" mentres que "esta consulta non respecta eses marcos". "Quen lanza esta consulta é quen está a desatender a consulta das bases, a consulta non é o proceso" polo que "hai que reflexionar por que se lanza este proceso e non o revogatorio", remarcou.

Deste xeito, insistiu en que "esta consulta non é vinculante" á vez que subliñou que se formula "cunha pregunta tendenciosa, porque a pregunta presupón unha culpabilidade duns feitos que son falsos". "Eu non empreguei en ningún caso a miña condición de deputada en beneficio persoal nin de ningunha outra persoa", sostivo.

Segundo a parlamentaria, "o proceso que debería levar a cabo é un revogatorio, que tería todas as garantías para os inscritos", e suporía a convocatoria dun plenario.

Quinteiro estaría "totalmente disposta" a someterse ao citado proceso revogatorio, porque cre que escoitar á militancia é "fundamental" mentres se faga baixo os procesos regulados polo propio partido. Paula Quinteiro dixo non sentirse preocupada polo resultado da consulta, aínda que si o está "pola situación de mentiras e calumnias" que se narraron durante estes dous meses sobre a súa persoa.

No entanto, agradeceu o "apoio" recibido ao redor do manifesto Coidando a unidade que xa recolle case 700 firmas de integrantes de varias mareas locais e mesmo de varios deputados do grupo parlamentario. Os asinantes deste manifesto apelan a non participar na consulta, que tachan de "ilexítima".

Comentarios