Quintana, xa vacinada, ofrece que Galicia forneza as doses para inmunizar os mariñeiros

O Goberno galego pediu en varios consellos interterritoriais que sexan considerados como grupo especial
Rosa Quintana recibiu este venres a vacina de AstraZeneca. XOÁN REY (EFE)
photo_camera Rosa Quintana recibiu este venres a vacina de AstraZeneca. XOÁN REY (EFE)

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, recibiu este venres a dose de Astrazeneca que lle corresponde por idade, coa que xa quedou inmunizada por superar tamén a infección recentemente. Tras a picada e o tempo regulamentario de espera por se causa reacción, dirixiuse á poboación a través dos medios de comunicación para animar a acudir á vacinación cando sexa chamada. 

Pero no plano "profesional", manifestou a súa "preocupación" polas declaracións da ministra de Sanidade, Carolina Darias, en referencia a que os mariñeiros serán vacinados cando "lles toque" por idade e esixiu un cambio de opinión e que se lle dea luz verde ao Instituto Social da Marina (ISM) para que proceda á inmunización deste colectivo. Respecto diso, advertiu de que non vai ser un problema de "subministración" e que a propia Xunta está disposta a enviar ao ISM as vacinas necesarias para completar esta acción. 

O Goberno galego pediu en varios consellos interterritoriais que se considere aos mariñeiros como grupo esencial a vacinar e, ademais, explicitou a idoneidade de administrar a fórmula de Janssen, cuxas primeiras 8.350 doses chegaron o mércores a Galicia. 

A idea é que, como esta vacina é dunha única dose, se administre a este colectivo co obxectivo de que non estea condicionado para acceder ás segundas doses polas mareas, xa que en ocasións poden atoparse ata dúas semanas consecutivas fóra. En días pasados, Quintana asegurou que o ministro de Seguridade Social, José Luís Escrivá, mostrouse aberto a esta vacinación, pero a titular de Sanidade arrefriou esta posibilidade inmediata. 

"Creo que debe reconsiderar as declaracións", apelou Quintana este venres, para explicar que os mariñeiros desenvolven unha actividade nunhas condicións específicas como a de non poder gardar distancia de seguridade nos barcos. "Os mariñeiros en moitos casos pasan máis de 15 días a bordo dun barco, lonxe de calquera hospital e, por tanto deben de ser considerados un grupo especial á hora de ser vacinados", defendeu a conselleira.

GALICIA PODE FORNECER. Dado que o ISM estaba "disposto" a facer a vacinación, a Xunta considera que "a ministra (de Sanidade) ten que dar orde xa para que o ISM poida, aproveitando a loxística que ten, empezar coa vacinación dos mariñeiros". 

Neste sentido, sinalou que a Administración autonómica "está en disposición de proporcionar ao ISM as vacinas que fixesen falta para atender aos mariñeiros". Actualmente, a vacina de Janssen, a que a Xunta ve idónea para este colectivo, está a repartirse aos grandes dependentes e aquelas persoas que teñen dificultades para desprazarse. 

Galicia recibiu 8.350 dose desta fórmula, que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, dixo que practicamente estaban todas comprometidas para este sector poboacional, que tamén inclúe a aquelas persoas que, pola dispersión poboacional propia da comunidade, teñen lonxe o centro de vacinación e por tanto administraríaselles a domicilio. 

O propio Goberno galego descoñece cando chegarán as seguintes doses de Janssen a Galicia, aínda que estaba previsto que as remesas máis importantes cheguen a partir de xuño.

Paralelamente, a Comisión de Saúde Pública, na que están representadas as comunidades e o Executivo central, decidiu destinar a vacina de Janssen –segundo se recolle na última actualización da estratexia–ao colectivo de entre 70 e 79 anos, pero Galicia vacinou a este grupo coa de Pfizer e Moderna, e apenas queda –con datos do informe do xoves 22 de abril (vacinados ata o 21)– o 29 por cento sen recibir ningunha dose. 
 

Comentarios