Quince localidades galegas, entre elas Viveiro, acollerán as oposicións de Educación

Haberá varias sedes nas catro provincias galegas ► A primeira fase da proba é do 19 ao 25 de xuño
Aspirantes en las oposiciones de Correos en Silleda. EFE
photo_camera Oposicións de Correos en Silleda. EFE

As oposicións de Educación, con 3.894 prazas tras a ampliación da oferta pública de emprego no corpo de profesores técnicos de FP, celebraranse e arredor dunha quincena de localidades diferentes, con sedes nas catro provincias galegas. 

Así o anunciou este martes o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, ás organizacións sindicais no transcurso da Mesa Sectorial Docente non Universitaria. 

Os lugares aínda están por decidir, informa a Xunta nun comunicado, aínda que algunhas destas sedes periféricas serán Oleiros, Viveiro, Lalín, Vilagarcía e O Carballiño. Ademais, a Xunta coordinará coas tres universidades galegas a cesión de espazos destas institucións académicas para o desenvolvemento das probas, principalmente nas cidades. 

O obxectivo, indica o Goberno galego, é evitar as aglomeracións nunhas probas nas que están inscritas 26.744 persoas, un 50% máis que no ano 2019, cando se presentaron 17.814. Ademais, e tamén co fin de garantir as medidas sanitarias nas probas, a Xunta tomou a decisión de realizar os exames de forma graduada e de duplicar os tribunais. 

Tendo en conta o inicio graduado das probas, este ano elimínase a tradicional presentación que cada opositor debía realizar na primeira xornada antes dos exames para recibir as instrucións dos tribunais. Estas instrucións estarán dispoñibles na páxina web coa debida antelación. 

Tampouco será necesario que os interinos se presenten ao procedemento selectivo para manter os seus dereitos na relación de persoas para prestar servizos como interinos ou substitutos. 

Por outra banda, o director xeral de Centros e recursos Humanos explicou no transcurso da Mesa sectorial que as oposicións de Educación terán un protocolo propio de seguridade sanitario, en liña coas oposicións da Xunta, aínda que adaptado ás particularidades destas probas. 

As oposicións desenvolveranse con 359 tribunais, máis do dobre que en 2019, o que suporá mobilizar a máis de 3.500 profesores entre titulares e suplentes. Desta forma, indica Educación, redúcese de forma significativa o número de persoas opositoras por tribunal, en concreto nun terzo (32%): de 109 no ano 2019 a 74 este ano. 

A primeira fase das probas desenvolverase do 19 ao 25 de xuño de forma graduada para evitar a concorrencia dun elevado número de persoas nun mesmo lugar. Os tribunais, a través da web da Consellería, comunicarán a data de realización da proba, a hora e o lugar. 

A realización da parte práctica da proba, cuxa data é fixada por cada tribunal, ten como data límite o 23 de xullo.