PSdeG e BNG presentan un recurso que atrasará a constitución da corporación

O PSdeG e o BNG anunciaron hoxe a presentación de senllos recursos contencioso-electorais ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra os resultados dos comicios electorais do pasado 22 de maio en Santiago de Compostela, o que atrasará ao 2 de xullo a constitución da nova corporación.

Estas dúas forzas políticas, que gobernaban en coalición, perderon o poder municipal despois de que ao BNG lle faltasen 17 votos para lograr un concelleiro máis, polo que o PPdeG logrou a maioría absoluta.

A semana pasada a Xunta electoral central desestimou parcialmente as impugnacións presentadas polo PSdeG sobre dous dos tres colexios electorais e do BNG neses tres e noutros catro máis, polo que ambas as formacións políticas decidiron presentar senllos recursos ante o TSJG.

A Xunta electoral local xa desestimara o pasado 27 de maio os recursos de ambas as formacións sobre os resultados dos comicios municipais.

Unha portavoz do PSdeG en Santiago de Compostela indicou que esa formación prevé presentar nas próximas horas, antes de que conclúa o prazo efectivo a medianoite de hoxe, un recurso ante o TSXG para impugnar os resultados dun "dos tres colexios electorais".

A Xunta Electoral Central "non respondeu sobre esta mesa", dixo a portavoz, quen apuntou que o PSdeG se centrará nos resultados desa mesa, na que considera que houbo irregularidades.

Pola súa banda, o BNG indicou nun comunicado que presentou o recurso ante a Xunta Electoral de Zona para elevalo ao TSXG e espera que os órganos xudiciais "ordenen a repetición parcial das eleccións nas mesas nas que houbo irregularidades".

"O BNG de Santiago aceptou desde o primeiro día os resultados provisionais e, de feito, está a traballar no traspaso de poderes", segundo a nota.

Precisa que nos seus recursos observa a "detección de irregularidades en sete mesas electorais, que poderían dar lugar á anulación dos resultados" destas "ou, subsidiariamente, á orde de repetición da votación" nas mesmas.

Comentarios