PSdeG e BNG denuncian a ''política de boicot'' da Xunta á lei do aborto

Os deputados do PSdeG, Modesto Pose Mesura, e do BNG, Ana Pontón, denunciaron este martes a "política de boicot" da Xunta á nova Lei do aborto. "Está a impedirse ás mulleres exercer o seu dereito á interrupción do embarazo no sistema público sanitario, en Galicia non se moveu nin un dedo en favor" destas, afirmou Ana Pontón en rolda de prensa.

Tamén ao portavoz socialista en temas sanitarios do Parlamento galego, Modesto Pose, dixo que non lle parece "tolerable" que "todo" o Sergas obxecte en relación coa interrupción voluntaria do embarazo das mulleres en Galicia e que estas poidan ser dirixidas a clínicas privadas.

Por iso, considerou que "sería bo" que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, á volta das vacacións, decida dedicar á conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, "a outra cousa", porque a estas alturas os servizos de planificación familiar non teñen información, xa que polo menos ao comezo desta semana non sabían como proceder na aplicación da lei do aborto.

Ana Pontón compareceu en rolda de prensa acompañada da secretaria xeral de Galicia Nova, Iria Aboi, para denunciar o "desmantelamento" dos centros de asesoramento sexual para mozos Quérote, creados durante o Goberno da Xunta do bipartito, para volver a outro modelo de oficinas de información xuvenil a través "dun discurso rancio de 30 ou 40 anos atrás".

Unha dirección xeral inactiva, a de Xuventude

Iria Aboi e Ana Pontón denunciaron a "inactividade" da Dirección Xeral da Xuventude cos mozos galegos non só polo desmantelamento destas organizacións de asesoramento afectivo sexual da mocidade senón porque, afirmou a primeira, non se tomou ningunha medida en materia xuvenil, e só se dedicou a "desfacer avances" sen dar respostas ás inquietudes dos mozos.

Modesto Pose fixo tamén balance en conferencia de presta da xestión sanitaria da Xunta, que cualificou de "mala" polo peche masivo de camas no período estival, pola paralización da actividade cirúrxica nos hospitais durante as tardes ou pola "cicatería" que aplica tamén dado que non se cobre en Galicia "nin o 20 por cento" das baixas dos profesionais por vacacións.

Tamén asegurou que o Goberno galego malgastará 500 millóns de euros polo procedemento de adxudicación do Hospital de Vigo e porque desexa construír un novo hospital en Pontevedra que "ninguén quere", xa que "están empeñados en facelo cando sería suficiente coa ampliación da área sanitaria de Montecelo".

O PP denunciou no seu día que o anterior goberno escondeu a 71.000 pacientes das listas de espera e Modesto Pose preguntouse onde están eses pacientes, e dixo que a Consellería tería que informar aos grupos parlamentarios o 30 de xuño das listas de espera actuais e non o fixo. Entende que se están "maquillando" as listas de espera, aínda que advirte de que o PSdeG vai investigar cada área sanitaria, e se houbese manipulación "o Goberno tería que dar explicacións, incluso pola vía xudicial".

Comentarios