PSdeG e BNG abandonan a comisión de Ordenación do Territorio

Os deputados do PSdeG e BNG, na oposición, abandonaron este xoves a comisión parlamentaria que tramitaba as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) ao considerar "un paripé" o "debate apresurado" das mesmas, que foron aprobadas cos únicos votos do PPdeG. O portavoz dos conservadores na Comisión de Ordenación Terrirorial, Román Rodríguez, lamentou a actitude "irresponsable e circense" da oposición ao abandonar a comisión.

A deputada do PSdeG Carmen Gallego rexeitou nun comunicado a actitude do Goberno na tramitación parlamentaria desta normativa e acusou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de sacar adiante en 30 minutos, nunha comisión convocada con carácter de urxencia, unhas directrices que levan quince anos esperando a ser aprobadas. Así mesmo, Gallego denunciou que o conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas, Agustín Hernández, "ningunea ao Parlamento" coa súa ausencia e insistiu en que as DOT "non poden resolverse nun simple debate en Comisión no que comparece un director xeral".

A portavoz socialista sinalou que as directrices do territorio teñen que durar "quince ou vinte anos" polo que é "necesario alcanzar o máximo consenso posible". Por iso, reclamou á Xunta que "non aplique o seu rodete parlamentario e que escoite á oposición" co fin de aprobar unhas directrices "que deberían ser patrimonio de todos", apuntou.

Pola súa banda, a portavoz nacionalista Teresa Táboas, asegurou que "o BNG non vai ser copartícipe dun paripé" para aprobar, sen apenas debate, un instrumento tan importante para Galicia como son as DOT. A deputada denunciou que con este tipo de tramitación de "urxencia" quítaselles aos grupos a posibilidade de debater con claridade e coa información suficiente sobre un asunto de tanta relevancia para Galicia, "o que sumado á ausencia do conselleiro é unha mostra máis do valor que o Goberno lle dá ás DOT e ao propio Parlamento".

Román Rodríguez considerou que as críticas de PSdeG e BNG sobre o procedemento de tramitación parlamentaria das DOT "caen por si mesmas" xa que este está regulado por lei e foi aprobado por unanimidade de todos os grupos políticos. Para Rodríguez, a actitude de ambos os partidos "é unha proba vergoñosa de vagancia política e deixamento de funcións" que ''mostra moi pouco respecto'' por Galicia e polos galegos, así como polos membros da Comisión e polo director xeral de Sustentabilidade e Paisaxe, Manuel Boborio.

O deputado popular explicou nun comunicado que as directrices foron aprobadas inicialmente en xullo deste ano e tras un proceso de alegacións foron remitidas ao Parlamento o pasado 20 de decembro, incorporando ''mínimas novidades'' respecto ao documento inicial.

Comentarios