O PSdeG pide a Feijóo que explique "que ocorreu con Pemex"

Caballero lamenta a situación do estaleiro Barreras e retrocede ao acordo de 2013 para falar de "opacidade" e "corrupción mexicana"

Gonzalo Caballero presenta los cabeza de lista para las eleccion e generales de Noviembre
photo_camera Caballero, este domingo con Ortega, Cancela, Alonso e Prieto. PEPE FERRÍN (AGN)

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu este domingo ao presidente do PPdeG e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "explique" aos galegos "que pasou" coa petroleira mexicana Pemex, empresa que en 2013 adquiriu o 51% do estaleiro Barreras, en Vigo, tras unha negociación auspiciada pola Xunta, e da que o novo Goberno do país latinoamericano "fala de corrupción". "Feijóo tennos que explicar toda esa política de opacidade que entrou en contacto coa corrupción mexicana", proclamou o secretario xeral dos socialistas galegos. 

Díxoo en Santiago, nun acto no que estivo arroupado polas catro cabezas de lista do PSdeG ao Congreso: Pilar Cancela (A Coruña), Olga Alonso (Pontevedra), Marina Ortega (Ourense) e Ana Prieto (Lugo). 

Aproveitando a presenza de Pablo Casado en Oleiros, Caballero instou a Feijóo a que lle explique "por que nos dez anos que estivo á fronte da Xunta careceu de política industrial" e perdeu "tanto emprego" neste sector. Pero parouse especialmente en Barreras, do que a Xunta anunciou en 2013 acordos con Pemex "que supuñan traer a construción a Galicia de ao redor de 20 barcos". "Pasou o tempo e vimos como onde Feijóo prometía 20, chegaron dous", lamentou o vigués. 

Así, Caballero insistiu en que o país decidirá o 10-N se "avanza ou retrocede". E o apoio ao PSOE é para el "o único voto útil" fronte a unha coalición "de dereitas coa ultradereita".

Comentarios